Nidia Arévalo aborda con Javier Puente os detalles do novo centro de saúde de Mos

Redacción

A alcaldesa de Mos mantivo a súa primeira reunión co xerente da Área Sanitaria de Vigo para coñecer o estado do proxecto, que xa está en fase de redacción

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, mantivo esta semana a súa primeira reunión de traballo co xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, para abordar os detalles do proxecto do novo centro de saúde de Mos e coñecer o estado da súa tramitación.

O proxecto atópase xa en fase de redacción despois de que a Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, licitase os servizos de redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra por máis de 372.000 euros. A previsión é proceder coa licitación das obras á maior brevidade posible, una vez se dispoña do proxecto e este sexa aprobado.

A nova infraestrutura sanitaria integrarase no complexo sociosanitario do Rebullón e contará con dúas plantas e unha superficie útil total de 2.740 metros cadrados, o que supón un incremento do 65 % respecto do actual centro de saúde. O investimento estimado pola Xunta para a construción supera os 4,7 millóns de euros e o obxectivo é que as obras poidan comezar no primeiro trimestre de 2027.

O novo centro permitirá ampliar os servizos e os espazos asistenciais. A área pediátrica contará con dúas consultas de medicina, dúas de enfermería pediátrica, unha sala de lactancia e unha sala polivalente.

Na área de medicina de familia haberá 11 consultas de medicina e 11 de enfermería, dúas máis de cada categoría que no actual centro. O proxecto contempla tamén unha consulta de matrona, unha de farmacia, un novo despacho de traballo social e dúas salas polivalentes, unha delas destinada, entre outros usos, á realización de ecografías, retinografías, electrocardiogramas e espirometrías.

A infraestrutura contará ademais con seis consultas destinadas á formación de residentes, dúas máis que actualmente, o que permitirá incrementar a actividade docente con tres residentes MIR de medicina e tres EIR de enfermería.

Entre as novas dotacións figuran tamén unha sala de cirurxía menor, unha consulta de nutrición e un ximnasio de fisioterapia. Na área da muller habilitarase unha sala de educación sanitaria para desenvolver, entre outros programas, actividades de rehabilitación do solo pélvico.

A área de urxencias contará con sala de observación e sala de reanimación, ademais dunha nova sala de traballo de enfermería e dous vestiarios.

Durante a reunión, Nidia Arévalo interesouse polo calendario previsto para as seguintes fases da actuación e pola evolución da redacción do proxecto. A alcaldesa destacou a importancia de manter unha comunicación directa coa Área Sanitaria de Vigo para facer seguimento do proxecto e dos prazos previstos.

Comparte este artigo