Xa está aberto o proceso de licitación da mellora do saneamento en San Clemente (primeira fase Baltar – Faramontáns), ademais de ser unha realidade a adxudicación da nova pasarela do río Bermaña
Nas últimas semanas experimentou un pulo moi importante a mellora do Camiño de San Martiño e a EDAR de Carracedo está próxima a entrar en funcionamento
O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, fai balanzo das actuacións e proxectos que ou ben foron impulsados ou ben avanzaron de maneira notable ao longo do mes de agosto. “A pesares de que habitualmente é un mes no que a actividade decae, nós pisamos o acelerador para seguir facendo realidade accións encamiñadas a mellorar o municipio e a calidade de vida da nosa veciñanza”, explicou o rexedor. Durante estas semanas, sacouse cara adiante a licitación e adxudicación de varias obras, ademais de que traballos xa en marcha, como a mellora do Camiño de San Martiño de Arcos da Condesa, experimentaron un avance moi importante.
Unha das tramitacións axilizadas foi a licitación dun proxecto moi importante para a parroquia de San Clemente, de cara a garantir un saneamento de primeira. Trátase da primeira fase da obra Baltar – Faramontáns, que inclúe a dotación dunha nova Estación Depuradora de Augas Residuais, ademais dunha renovación completa da rede. O Concello xa abriu o prazo de presentación de ofertas para que as empresas que que estean interesadas en asumir esta actuación poidan presentar as súas propostas. O período permanecerá operativo ata o vindeiro 23 de setembro (inclusive). O investimento superará os 500.000 euros, con financiación a cargo do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra. No mes de agosto tamén se procedeu á adxudicación para a dotación dunha nova pasarela no río Bermaña, entre a explanada da Tafona e a rúa Sardenela, que servirá para mellorar a mobilidade e a contorna fluvial urbana. Está previsto que as tarefas se inicien proximamente.
Jacobo Pérez tamén destaca o avance doutras obras de calado, como a mellora do Camiño de San Martiño, en Arcos da Condesa, unha actuación moi demandada pola veciñanza, que inclúe a renovación do pavimento e a dotación dunha rede de pluviais, cun orzamento de 90.000 euros. Tamén está a piques de poñerse en marcha a nova depuradora de Carracedo, que dará servizo a máis de 500 veciños e veciñas. O alcalde avanza que haberá una campaña de información entre residentes para explicarlles cando poderán conectarse á nova rede e para resolver calquera dúbida. Coa vista posta tamén no comezo no inicio escolar, que será mañá luns, o Concello procedeu a completar tarefas de mantemento e reparación nos centros educativos do municipio.
Todas estas actuacións engádense aos traballos diarios comprometidos polo Goberno local en materia de limpeza, tanto nas pistas do rural como en avenidas e zonas urbanas. Jacobo Pérez tamén continúa mantendo encontros veciñais nas aldeas caldenses, para coñecer de primeira man as necesidades da xente do rural, sen esquecer as colaboracións que o Concello mantivo con eventos e festas nas parroquias.
“Estamos moi satisfeitos co ritmo que fomos quen de manter durante o mes de agosto e imos continuar traballando nesa liña o resto do ano”, garantiu Pérez Gulín, que ten claro que “a nosa filosofía é a de traballar e demostrar avances, sen desaparecer do mapa en agosto nin sobreactuar”.

