- Borrageros lembra que o BNG xa denunciara esta situación o pasado 24 de xullo sen que dende entón se adoptase ningunha medida efectiva por parte do Concello nin das administracións responsables.
- A propia veciñanza tivo que saír á prensa esta semana para denunciar que sofre ata 14 cortes de luz nun só día, cualificando a situación de “insostible”.
- O BNG denuncia que o centro de saúde de Oca leva un mes sufrindo reinicios dos equipos informáticos e atrasos na atención aos pacientes sen que a Xunta dotase o centro de sistemas alternativos de subministración.
O BNG da Estrada volve saír hoxe á rúa para denunciar, con toda a contundencia, que os microcortes de electricidade que asolan boa parte do rural do concello seguen sen solución un mes despois de que esta formación os puxese enriba da mesa. O candidato nacionalista á alcaldía, Marcos Borrageros, lembra que xa o pasado 24 de xullo o BNG exixiu ao goberno municipal do PP e ao alcalde medidas contundentes ante os continuos cortes de luz que afectaban a numerosas parroquias. Un mes despois, a situación non só non mellorou, senón que segue a golpear a diario á veciñanza.
“Xa o dixemos en xullo e témolo que repetir agora con máis forza: non pode ser que haxa veciños e veciñas das parroquias do rural teñan que convivir mes tras mes con cortes de luz diarios mentres o goberno do PP mira para outro lado. A pasividade xa non ten desculpa posible”, afirmou Borrageros.
A propia veciñanza denuncia unha situación “insostible”
A gravidade do problema quedou retratada hai escasos días, cando foron os propios veciños e veciñas os que tiveron que denunciar publicamente a través da prensa que chegan a sufrir ata 14 cortes de luz nun único día, definindo a situación como directamente “insostible”. Para o BNG, que a cidadanía teña que recorrer aos medios de comunicación para facerse escoitar é a proba de que as administracións responsables —Concello, distribuidora eléctrica e Xunta— non están á altura do problema.
Segundo a información facilitada pola propia distribuidora, os cortes concéntranse na liña aérea de media tensión que conecta a subestación de Paizás con Rubín, afectando de forma directa a zonas como Curro-Cira, San Miguel de Castro, Oca, Loimil, Muimenta, Reigada, Tiguillois, Riamonde e Arnois. Trátase de incidencias que, segundo recoñece a propia compañía, se veñen repetindo polo menos dende mediados de xullo, é dicir, dende hai máis dun mes.
“Que a día de hoxe, un mes despois, aínda se estea a ‘delimitar a zona’ onde se producen os cortes demostra unha falta de axilidade e de esixencia por parte do Concello totalmente inaceptable. Non estamos a falar dun incidente puntual, senón dun problema crónico que require respostas, non máis diagnósticos”, subliñou o candidato do BNG.
Alarma pola situación do centro de saúde de Oca
O BNG quere poñer especial énfase nun dos aspectos máis graves desta crise: as consecuencias que os microcortes están a ter sobre o centro de saúde de Oca. Alí, as interrupcións do subministro provocan de forma reiterada o reinicio dos equipos informáticos, cos conseguintes atrasos na atención sanitaria aos doentes.
Para Marcos Borrageros, resulta gravísimo que fose necesario chegar a esta situación —e que pasase un mes enteiro— para que o Concello se puxese en contacto co Sergas para estudar dotar o centro dun Sistema de Alimentación Ininterrompida (SAI) ou dun xerador que garanta a continuidade da atención sanitaria durante os cortes.
“É unha absoluta falta de previsión por parte da Xunta e do Sergas que un centro de saúde poida quedar sen equipos operativos por culpa dun corte de luz e que ata agora ninguén se preocupase de dotalo dos medios alternativos necesarios para seguir a atender á veciñanza con normalidade. A saúde da xente non pode depender de que falle ou non falle a rede eléctrica”, denunciou Borrageros.
Dende o BNG esíxese que esta previsión non quede nun caso illado nin nun simple compromiso de “estudar posibles medidas”, senón que se converta en feitos concretos e inmediatos. Ademais, a formación nacionalista pregunta directamente ao goberno municipal e á Xunta: é o de Oca un caso illado ou existe o mesmo risco no resto de centros de saúde e consultorios médicos do concello? O BNG considera imprescindible que se faga público, con carácter urxente, un informe sobre a situación de todos os centros sanitarios da Estrada e a súa capacidade real de manter a atención en caso de corte eléctrico.
O BNG esixe medidas xa
Ante todo isto, o BNG da Estrada reclama, con carácter de urxencia:
- Que a empresa distribuidora (UFD/Naturgy) presente un calendario concreto e vinculante de investimentos e reparación da liña PAI 806, e non simples explicacións sobre a orixe dos cortes.
- Que o Concello deixe de actuar como mero espectador e esixa formalmente responsabilidades e prazos ás compañías subministradoras, tal e como o BNG xa reclamou en xullo.
- Que a Xunta e o Sergas doten con carácter inmediato o centro de saúde de Oca de sistemas alternativos de subministración eléctrica, e que se audite a situación do resto de centros sanitarios do concello.
- Que se habilite unha canle municipal clara e efectiva para que a veciñanza afectada poida rexistrar as súas queixas e reclamar polos danos ocasionados en electrodomésticos e equipamentos.
“Un mes despois seguimos exactamente igual, ou peor. O BNG non vai deixar de esixir solucións reais mentres a veciñanza da Estrada teña que seguir a vivir con continuos cortes de electricidade e coa incerteza de se o seu centro de saúde vai funcionar ou non. Chegou o momento de actuar”, concluíu Marcos Borrageros.

