– As aulas CeMIT de Redondela e Chapela acollerán formacións sobre Intelixencia Artificial, creación de blogs e ofimática. A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que con estes cursos gratuítos “facilitamos que ninguén quede atrás no acceso ás tecnoloxías, axudando a reducir a fenda dixital no noso municipio”. A matrícula abre o 24 de agosto.
A Concellería de Novas Tecnoloxías do Concello de Redondela, dirixida por Antonio Cabaleiro, anuncia a apertura do prazo de inscrición para os novos cursos de informática totalmente gratuítos. A formación terá lugar entre os meses de setembro e novembro e ofrece máis de 100 prazas distribuídas entre as aulas CeMIT de Redondela e Chapela. A matrícula ponse en marcha o vindeiro luns, 24 de setembro, por estrita orde de inscrición. Os cursos están dirixidos ao público xeral, maior de 18 anos e con coñecementos básicos de informática.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou o obxectivo social desta programación: “Queremos que ningún veciño quede atrás na transformación dixital. Con estes cursos gratuítos facilitamos o acceso ás tecnoloxías de xeito real e universal, axudando a reducir a fenda dixital no noso municipio”. Pola súa banda, o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Antonio Cabaleiro, suliñou a novidade dos contidos: “Apostamos por unha formación útil e actualizada. Mantemos os obradoiros tradicionais de ofimática, pero sumamos innovación ao incluír competencias en Intelixencia Artificial con Gemini”.
As clases estrutúranse da seguinte maneira segundo a localización:
Aula CeMIT Redondela (Paseo do Pexegueiro, nº 6): As clases serán os luns e mércores. Inclúen a creación de blogs con Blogger (en Linux), Competencias Dixitais coa IA – Gemini (en Linux) e FreeOffice en quenda de tarde (Windows). Os venres haberá unha “Aula Aberta” con talleres para adultos sobre consultas, dúbidas e formularios editables en PDF.
Aula CeMIT Chapela (Rúa Manuel Rodríguez Casal, nº 3): As formacións realizaranse os martes e xoves, con informática aplicada á contabilidade básica (con Calc en Linux), introdución ao deseño con Draw de LibreOffice e Competencias Dixitais coa IA – Gemini. Os venres reservaranse para talleres de consultas e competencias dixitais básicas para adultos.
As instancias para participar pódense descargar na páxina web do Concello (www.redondela.gal) ou recollerse no Centro de Formación A Marisma, no Multiúsos da Xunqueira e nas Dependencias dos Servizos Sociais en Chapela. A presentación de solicitudes debe realizarse a través da Sede Electrónica ou de xeito presencial nos rexistros habilitados do Concello. Unha vez rematado o proceso, a organización chamará por teléfono ao alumnado seleccionado para confirmar a súa praza. Para máis información, poden escribir ao correo formacioninformatica@redondela.gal.

