A Escola da Saúde regresa con tres novas citas para aprender a coidarse

Redacción

O Concello retoma esta semana estes encontros abertos a toda a veciñanza

A primeira cita será co director e guionista Gon Caride, que abordará o tema das pantallas e o desenvolvemento do cerebro na infancia

Coidar da saúde tamén significa comprender mellor o que nos pasa e contar con ferramentas para tomar decisións no día a día. Con esta filosofía, o Concello do Rosal pon en marcha unha nova edición da Escola da Saúde, unha iniciativa pioneira que regresa este venres 11 de setembro e que ofrecerá tres novos encontros ata finais de ano, todos eles de balde e abertos á participación de toda a veciñanza.

A primeira cita será este venres 11 de setembro, ás 19.00 horas na Biblioteca municipal, da man do director e guionista Gon Caride, que abordará un tema especialmente presente na vida das familias: a relación das crianzas coas pantallas. Baixo o título ‘Máis aló do contido: pantallas e desenvolvemento do cerebro na infancia’, o encontro achegarase ás implicacións que pode ter o uso destes dispositivos durante unha etapa clave do desenvolvemento.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destaca a importancia de “crear espazos nos que a veciñanza poida acceder de forma próxima e sinxela a información e coñecementos que lle axuden a coidar da súa saúde e do seu benestar”. “A Escola da Saúde naceu precisamente con esa vocación: falar de cuestións que forman parte da nosa vida cotiá, achegalas á cidadanía e favorecer a prevención e uns hábitos de vida máis saudables”, sinala.

Do uso das pantallas á conexión entre corpo e emocións

A programación continuará o venres 9 de outubro, ás 19.00 horas no Centro Social Polivalente, con Marta Colom, terapeuta somática, e a charla ‘O corpo fala, comprender a relación entre emocións, estrés e saúde’. Unha sesión que poñerá o foco na relación entre o benestar emocional e físico e na maneira na que o estrés e as emocións poden manifestarse a través do corpo.

A última cita desta edición celebrarase o venres 13 de novembro, tamén ás 19.00 horas no Centro Social Polivalente. A fisioterapeuta e dietista Florinda Pérez será a encargada de impartir ‘Alimentarse ben para vivir mellor’, un encontro centrado na importancia da alimentación como parte esencial do coidado e dunha vida saudable.

A Escola da Saúde consolida así a súa programación no Rosal con tres novas propostas que combinan diferentes ámbitos do benestar físico e emocional e que buscan achegar á cidadanía cuestións de interese desde unha perspectiva práctica e divulgativa. A iniciativa está impulsada polo Concello do Rosal no marco da Red Española de Ciudades Saludables (RECS).

Comparte este artigo