Soutomaior oferta unha ampla programación deportiva para todas as idades no curso 2026-2027

Redacción

A programación inclúe actividades infantís e para adultos, con prezos reducidos para as persoas empadroadas

O Concello de Soutomaior presenta a programación das Escolas e Actividades Deportivas para o curso 2026-2027, unha proposta dirixida a persoas de todas as idades e que incorpora unha ampla variedade de modalidades deportivas.

No caso dos máis pequenos, a oferta inclúe baloncesto, xogos motores, iniciación ao deporte, multideporte, pádel, tenis infantil, patinaxe deportiva, voleibol, ximnasia acrobática e ximnasia rítmica, con actividades desde os 4 anos.

A programación complétase con cinco propostas deportivas para adultos: actividade física para adultos, actividade física para a terceira idade, pádel adulto, tenis adulto e voleibol adulto.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinala que “queremos que o deporte sexa unha opción ao alcance de toda a veciñanza, independentemente da idade. Por iso deseñamos unha programación que permite aos máis pequenos iniciarse no deporte e ás persoas adultas manter ou recuperar unha actividade física regular”.

“Investir no deporte é investir en saúde, benestar e calidade de vida, pero tamén en convivencia e en crear espazos de encontro para a veciñanza”, engade o alcalde.

Actividades deportivas para adultos

A programación para adultos inclúe Actividade Física para Adultos, os martes e xoves de 20:00 a 21:00 horas no Pavillón Municipal da Montesiña, cun prezo bimestral de 20 euros para empadroados/as e 44 euros para non empadroados/as.

Para as persoas maiores, a Actividade Física para a Terceira Idade desenvolverase os martes, de 18:45 a 19:45 horas, no Local Social de Talo Río, e os xoves, de 17:30 a 18:30 horas, no Pavillón Municipal da Montesiña. O prezo é de 20 euros para empadroados/as e 58 euros para non empadroados/as.

Tamén se oferta Pádel Adulto, de luns a venres, cunha hora semanal ás 20:00, 21:00 ou 22:00 horas, e coa posibilidade de organizar grupos en horario de mañá. O prezo é de 40 euros para empadroados/as e 60 euros para non empadroados/as.

No caso do Tenis Adulto, as clases terán lugar no Pavillón do CEIP Manuel Padín Truiteiro os xoves de 19:00 a 21:00 horas, cun horario provisional. O prezo establecido é de 60 euros para empadroados/as e 80 euros para non empadroados/as.

Finalmente, o Volei Adulto desenvolverase os martes de 19:30 a 21:30 horas no Pavillón do CEIP Manuel Padín Truiteiro, cun prezo de 24 euros para empadroados/as e 38 euros para non empadroados/as.

Preinscrición e inscrición

A preinscrición realizarase en liña a través da web municipal, nas datas de apertura e peche que serán comunicadas proximamente.

Unha vez finalizado o proceso, as persoas admitidas recibirán a correspondente comunicación para formalizar a inscrición e o pagamento.

Os prezos indicados son bimestrais e existen bonificacións segundo a actividade.

A programación desenvolverase principalmente no Pavillón Municipal da Montesiña, aínda que tamén se utilizarán o Pavillón do CEIP Manuel Padín Truiteiro e o Local Social de Talo Río.

Para máis información, as persoas interesadas poden contactar co Pavillón Municipal nos teléfonos 986 700 964 e 667 768 253, a través do WhatsApp 659 313 672 ou no correo electrónico pavillon@soutomaior.gal.

Comparte este artigo