Redondela consolídase como referente do Camiño de Santiago con máis de 14.000 atencións na Oficina de Turismo

Redacción

– A Oficina Municipa de Turismo rexistrou un total de 14.072 visitantes entre abril e setembro, dos que 13.179 foron peregrinos. Máis alá das persoas que pasaron por este servizo, o impacto real do Camiño de Santiago no municipio é moi superior. Este ano chegaron a Compostela máis de 160.000 camiñantes desde as dúas rutas portuguesas, e todos eles pasaron necesariamente polas rúas de Redondela.

– O programa de roteiros ambientais e culturais está a ser un éxito de participación e o Concello mantén aberta a inscrición para as catro saídas que se van celebrar ao longo  do mes de setembro. O Centro de Interpretación da Batalla de Rande (Meirande) é outro dos lugares de visita obrigada na ría, con 8.236 visitas desde abril e un cheo absoluto no programa de visitas guiadas teatralizadas.

O Concello de Redondela fai un balance moi positivo dos datos de turismo correspondente ao período estival, unhas cifras históricas. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que as cifras ratifican “o liderado absoluto do municipio como punto de confluencia das rutas xacobeas do sur de Galicia e como destino cultural e de natureza de referencia”.

Ao longo da tempada, o persoal da Oficina de Turismo municipal atendeu un total de 14.072 persoas, reflectindo unha intensa actividade turística. O gran motor deste volume de visitas foi o Camilo de Santiago, xa que o 93,65% dos usuarios (13.179 persoas) foron peregrinos.

Como cruzamento obrigado das dúas variantes do Camiño Portugués, Redondela amosa un equilibrio atractivo entre as súas rutas. A ruta do Interior segue a ser a opción maioritaria, elixida por 7.068 persoas, o que representa o 53,63% do total de peregrinos que solicitaron información ou selaron a súa credencial. Pola súa banda, o Camiño da Costa confirma a súa consolidación e auxe ascendente ao achegar o resto dos camiñantes á vila. O balance complétase con 893 turistas e visitantes convencionais, tanto de procedencia nacional como estranxeira, que elixiron o municipio como destino de lecer ou excursión.

Máis alá das persoas que decidiron pasar pola Oficina Municipal de Turismo este ano, o impacto real do fenómeno xacobeo en Redondela é inmensamente maior. Todos e cada un dos peregrinos que realizan tanto o Camiño Portugués Interior como o Camiño da Costa pasan necesariamente polo municipio. Segundo datos datos da Oficina de Acollida ao Peregrino de Compostela, no que vai de ano 2026 foron 162.627 camiñantes. Suman 83.605 polo Camiño Interior e 79.022 polo Camiño da Costa a dia de hoxe. Estas cifran consolidan ao municipio como un auténtico fito estratéxico e un motor económico vital para a hostalaría, o comercio e o aloxamento local.

A alcaldesa amosouse moi satisfeita cuns resultados que premian a estratexia de promoción e coidado do sector desenvolvida polo Goberno local. “Estes datos demostran o enorme potencial e a forza que ten Redondela. Somos o corazón do Camiño Portugués en Galicia, onde conflúen dúas rutas cunha puxanza incrible, pero tamén demostramos que o noso municipio ofrece incentivos patrimoniais, naturais e de lecer suficientes para que tanto o peregrino como o turista tradicional decidan parar, coñecernos e xerar riqueza no noso comercio e na nosa hostalaría”, sinalou Rivas.

Éxito dos roteiros que continúan en setembro

Máis aló da acollida aos viaxeiros na oficina, a programación propia deseñada polo Concello para dinamizar os meses de verán logrou unha resposta extraordinaria por parte de veciños e visitantes. Un total de 500 persoas participaron nos roteiros e actividades guiadas que se organizaron desde xullo ata o de agora.

Lonxe de dar por rematada a campaña co fin de agosto, o Concello mantén a programación activa durante o mes de setembro co obxectivo de seguir ofrecendo alternativas de lecer sostible e avanzar na desestacionalización da oferta. Baixo o lema Roteiros Ambientais & Culturais, as persoas interesadas aínda poden reservar a súa praza de balde para as actividades de setembro: o sábado 12 cun paseo nocturno “A Punta de Cesantes”, o domingo 13 para a ruta ambiental “O Río Pexegueiro”, o venres 18 cunha á Observación de Aves na  Senda da Portela e o domingo 27 pecharase coa ruta ambiental “Os Montes de Ventosela” .

Rivas incidiu en que “a continuidade dos roteiros en setembro é a proba de que apostamos por un turismo vivo e sostible máis aló da tempada alta, achegando o noso rico patrimonio natural e cultural tanto aos nosos veciños e veciñas como a quen nos visita”.

Todas as actividades requiren reserva previa, que pode realizarse a través do teléfono 986 401 713 ou no correo electrónico turismo@redondela.gal.

Meirande, un éxito patrimonial

O Centro de Interpretación da Batalla e o Patrimonio Cultural de Rande, o Meirande, é un  dos polos de atracción do turismo en REdondela. Este espazo cultural converteuse nun lugar imprescindible na ría, cun total de 7.996 visitas rexistradas desde o pasado mes de abril ata a actualidade. O mes con máis visitantes foi xuño, con 2.418 persoas, en gran parte grupos de colexios e institutos. No verán chegan máis turistas e peregrinos, e tamén familias da contorna. Ao longo de todo o ano son habituais excursións de colectivos veciñais e culturais, centros de día e visitas dos viaxeiros que embarcan no pantalán do Meirande para visitar San Simón.Rivas explica que os visitantes “valoran moito o entorno no que se atopa o centro, e tamén o xeito en que está distribuída a exposición da que disfruta tanto o público infantil como os adultos”.

A maiores das quendas habituais, as visitas guiadas teatralizadas que se celebran ao longo do ano son sempre un éxito. Este verán contaron coa participación de 240 persoas e colgaron o cartel de “completo” en cada unha das funcións programadas.

Comparte este artigo