‘O Rosal Camiña’ en sete etapas a Santiago de Compostela

Redacción

Concello e Asociación de Persoas Maiores do Rosal impulsan unha iniciativa para percorrer o Camiño todos os sábados a partir do 3 de outubro

De Portecelo a Santiago, paso a paso e facendo comunidade polo camiño. Concello e Asociación de Persoas Maiores do Rosal poñen en marcha ‘O Rosal Camiña’, unha nova iniciativa que levará á veciñanza ata Santiago de Compostela ao longo de sete etapas, combinando actividade física, convivencia e unha experiencia compartida arredor do Camiño.

A proposta desenvolverase todos os sábados desde o 3 de outubro ata o 14 de novembro e estará aberta a todas as persoas maiores de 18 anos. Cada xornada contará cun percorrido aproximado de entre 20 e 25 quilómetros, avanzando semana a semana ata completar a experiencia.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destaca que “con O Rosal Camiña queremos propoñer unha maneira diferente de facer actividade física, pero tamén de convivir, coñecer territorio e compartir unha experiencia que vai moito máis alá de percorrer quilómetros”.

Primeira saída, dende Portecelo

A primeira etapa comezará o sábado 3 de outubro en Portecelo. As persoas participantes sairán ás 09.00 horas desde a Explanada do Horizonte para iniciar a pé o percorrido. Ao finalizar a etapa en Baiona, un autobús recollerá o grupo no punto de chegada para trasladalo de novo a Portecelo. A previsión é regresar arredor das 16.00 ou 17.00 horas, aínda que o horario poderá variar en función da climatoloxía e do ritmo da marcha.

A partir da segunda etapa, o funcionamento adaptarase ao avance da camiñada. Un autobús sairá desde O Calvario para trasladar ás persoas participantes ata o punto de inicio de cada percorrido e recolleraas de novo ao rematar. Os horarios organizaranse para que cada sábado se comece a camiñar dende o punto de saída xa ás 09.00 horas.

Cada participante deberá levar a súa propia comida, bebida e avituallamento, así como roupa e calzado axeitados para afrontar os percorridos e as condicións meteorolóxicas de cada xornada.

Grazas á colaboración do Concello, a participación nas sete etapas terá un prezo de 50 euros por persoa e as inscricións permanecerán abertas ata completar as prazas dispoñibles. As persoas interesadas poderán anotarse a través da Asociación de Persoas Maiores do Rosal, chamando ao teléfono 646 633 958.

Comparte este artigo