O BNG advirte da perigosidade e inseguridade viaria en varias vías secundarias de Portonovo

Redacción

Os cambios de circulación sen aviso previo e a insuficiente sinalización xa provocaron varios accidentes en lugares como A Barrosa ou Rial, denuncian os nacionalistas

O Bloque carga contra a nefasta xestión de Telmo Martín e ínstalle a tomar medidas “antes de que ocorra unha desgraza”

O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego de Sanxenxo (BNG) advirte da situación de inseguridade que se está a vivir en diferentes vías secundarias nas inmediacións de Baltar e de Portonovo. A falta de xestión por parte do Goberno local do PP está a provocar moitos problemas nestes accesos, que nesta época do ano, en plena tempada turística, soportan unha maior cantidade de tránsito de vehículos. Este feito, sumado aos cambios no tráfico aplicados polo Concello sen previa información e á falta dunha sinalización axeitada, xa provocaron varios accidentes. Así o fan constar os nacionalistas, que poñen como exemplo o caos que se rexistra na zona da Barrosa ou no lugar de Rial. “No seu día o alcalde decidiu, como fai sempre, aplicar cambios na circulación sen falar previamente con residentes e coa veciñanza”, denuncian desde o Bloque. Algúns camiños pasaron de ser de doble sentido a contar con dirección única, algo que “moitos condutores a día de hoxe aínda descoñecen”. Isto, unido a que en varios tramos destas vías non existen sinais suficientes, provoca que algúns vehículos circulen, na maioría dos casos sen sabelo, en dirección contraria. Como consecuencia, xa se teñen rexistrado varios sinistros, con importantes danos materiais. Tamén se dan situacións nas que os condutores, cando son conscientes do erro que cometen, intentan dar volta, provocando máis saturación e inseguridade viaria.

O descoñecemento e a confusión que se rexistra nestes puntos é consecuencia directa da nefasta xestión do Goberno de Telmo Martín.
“O alcalde sempre actúa do mesmo xeito, sen informar nin ter en conta á veciñanza. Neste caso, ademais, súmase o feito de que moitos condutores son turistas que non son conscientes dos cambios no tráfico”, advirte o BNG. Este contexto vólvese especialmente difícil os luns e os xoves, coincidindo coa celebración do mercado de Baltar.

Nesas xornadas, o número de vehículos circulando por estas vías secundarias multiplícase, xa que son moitos os que queren librarse do colapso que experimenta a PO-308 nesas datas. Ante esta situación, os nacionalistas instan ao Goberno local a que reaccione “antes de que ocorra algunha desgraza” e solicitan o reforzo de sinalización e medidas para garantir a seguridade viaria. Ademais, o Bloque tamén lamenta, unha vez máis, a mala xestión que o alcalde está a facer coa Policía Local. “Durante todo o verán vimos denunciando e recollendo o malestar de numerosos veciños e veciñas de Sanxenxo pola ausencia de axentes e auxiliares dirixindo o tráfico en zonas especialmente sensibles, como a propia recta de Baltar ou a Rúa Progreso. Semella que todo o interese do señor Martín é vixiar o Porto Deportivo e tramitar multas”, conclúen os e as responsables do Bloque.

Comparte este artigo