-O programa “Redondela descubre” ofrece este ano un total de 1.800 prazas nunha aposta por reforzar o envellecemento activo e a convivencia
– O Concello de Redondela retoma as viaxes para maiores, unha iniciativa que é acollida con entusiasmo pola poboación de máis de 55 anos. Este mes de setembro as visitas serán a Noia, con saídas os días 15, 16 e 17. O prazo de inscrición estará aberto do 1 ao 11 de setembro na Oficina de Turismo. A alcaldesa, Digna Rivas, confía que esta excursión a terras coruñesas sexa tamén “un éxito de participación”.
Redondela, 26 de agosto de 2026. Tras o éxito de anteriores edicións das viaxes para maiores, o Concello de Redondela segue organizando visitas guiadas. Logo das excursións que se fixeron na primavera ao Grove e Betanzos, entre outros destinos, a próxima saída será a Noia. Haberá tres datas, os días 15, 16 e 17 de setembro. O prazo de inscrición estará aberto do 1 ao 11 de setembro ata agotarse as prazas na Oficina de Turismo, rúa Isidoro Queimaliños. O horario de atención ao público é de martes a domingo, de 11:00 a 14:00 horas pola mañá, e de 16:00 a 19:00 horas pola tarde. O único requisito é ter máis de 55 anos.
A alcaldesa, Digna Rivas, explica que as viaxes fanse en varias datas coa intención de que chegar “ao máximo número de persoas posible, e que todos e todas teñan a oportunidade de saír, coñecer lugares de interese e facer actividades”.
O programa, dependente da concellería de Maiores que dirixe Iria Vilaboa, pon especial coidado en elixir os destinos “para gozar de excursións dun día de duración a lugares de interese cultural, histórico e patrimonial”, informa a edil. No caso de Noia, a vila é “unha xoia medieval galega” situada no norte das Rías Baixas. Este municipio coruñés combina igrexas históricas, lendas misteriosas e un casco antigo repleto de pazos e soportais.
O programa “Redondela descubre” ofrece este ano un total de 1.800 prazas “nunha aposta por reforzar o envellecemento activo e a convivencia”. As viaxes realízanse en temporada baixa e cun prezo reducido “para facilitar que todas as persoas que o desexen poidan participar”. Todas as saídas contan con guía oficial de turismo que acompaña aos grupos, e desde o Concello de Redondela agradecen tamén a colaboración dos municipios que visitan “onde nos reciben cos brazos abertos e facilitan as visitas aos lugares de interese desde as súas oficinas de información turística”.

