O Concello de Mos e o Real Club Celta deron hoxe un novo paso para facer realidade a ampliación do vial que conecta o ámbito do Celta360 co núcleo de Cela. A alcaldesa, Nidia Arévalo, e a presidenta do Celta, Marián Mouriño, asinaron no Concello o convenio que fixa a colaboración entre as dúas partes para levar adiante esta actuación.
No acto tamén estiveron presentes representantes da Asociación de Veciños Celado, os concelleiros Camilo Grandal, Leo Costas, Evaristo Ucha e Sara Cebreiro, así como Carlos Cao, responsable de Relacións Institucionais do RC Celta.
O acordo permite avanzar agora na redacción do proxecto e, ao mesmo tempo, na obtención dos terreos necesarios para poder executar a obra no Camiño do Monte do Coto.
Segundo o convenio, será o Real Club Celta o encargado de redactar o proxecto de mellora do sistema local viario e de presentalo ante o Concello de Mos para a súa tramitación e aprobación. O club tamén aboará ao Concello de Mos 635.934 euros, correspondentes á monetización do 10 % do aproveitamento urbanístico que lle corresponde á Administración municipal dentro do ámbito do proxecto do Celta360.
Ese importe será incorporado ao Patrimonio Municipal do Solo e o Concello destinará os fondos á actuación viaria prevista no convenio.
Pola súa banda, o Concello de Mos asumirá os trámites necesarios para conseguir a dispoñibilidade dos terreos e será tamén o responsable de contratar e executar as obras que quedan fóra do ámbito do Proxecto de Interese Autonómico. Unha vez rematada a actuación, o mantemento e a conservación do vial corresponderán igualmente ao Concello.
A sinatura do convenio abre así o camiño para iniciar o procedemento de expropiación dos terreos necesarios para a ampliación do vial, de acordo coas condicións pactadas cos propietarios afectados. Trátase dunha actuación que permitirá mellorar a conexión entre a zona do Celta360 e Cela e as condicións do propio vial para os veciños.
Nidia Arévalo explicou que “hoxe damos un paso que era necesario para poder avanzar na ampliación deste vial. O convenio deixa claro que o Celta redactará o proxecto e achegará os máis de 635.000 euros da monetización, mentres que o Concello se encargará da tramitación dos terreos e da contratación e execución da obra”.
A alcaldesa engadiu que “o seguinte traballo será avanzar coa redacción do proxecto e coa dispoñibilidade dos terreos, para que esta actuación poida ir tomando forma”.
“É importante que Concello e Celta vaiamos da man. Temos intereses compartidos nesta zona e, cando somos capaces de poñernos de acordo e repartir responsabilidades, podemos avanzar máis rápido e dar resposta a necesidades que tamén son dos veciños de Mos”, sinalou Nidia Arévalo.
O acordo contempla tamén a creación dunha comisión de seguimento formada por dous representantes do Concello e dous do Real Club Celta, que fará o seguimento dos compromisos adquiridos por ámbalas partes.
O convenio terá unha duración inicial de catro anos, con posibilidade de prórroga por períodos anuais ata un máximo doutros catro anos.

