- A programación entre o xoves 10 e o domingo 13 de setembro inclúe espectáculos de maxia, teatro de títeres, música en directo e citas deportivas de primeiro nivel.
- Destacan a tradicional Romaría da Risca, a XIV Milla Porriñesa e a proba ciclista “A Nocturna 2026”.
O Concello do Porriño afronta uns días intensos no marco das súas tradicionais Festas do Cristo 2026. Entre o xoves 10 e o domingo 13 de setembro, a vila acollerá unha ampla e variada axenda con propostas pensadas para públicos de todas as idades, combinando ocio familiar, artes escénicas, música e competicións deportivas. Tamén tradición, porque é a fin de semana da Festa do Monte da Risca, unha romaría cuha fonda raigame no municipio que levará este domingo ás familias a un dos espazos naturais do Porriño, un dos seus pulmóns verdes.
Programación infantil e familiar
O público máis novo terá un protagonismo especial ao longo de toda a fin de semana con espectáculos de maxia, títeres e contacontos. A programación infantil abrirase o xoves 10 ás 19:00 h na Praza Arquitecto Antonio Palacios con Maxia entre liñas, de Dani García, no marco do programa Ler Conta Moito da Rede de Bibliotecas de Galicia. O venres 11, á mesma hora pero na Praza do Cristo, a compañía Txo Titelles presentará o teatro de títeres Cotón, unha das novas incorporacións á Axenda. Xa o sábado 12 ás 12:00 h, a Praza Arquitecto Antonio Palacios acollerá o contacontos en inglés Welcome to the Jungle, organizado pola Concellería de Cultura e Kids&Us Porriño. Para pechar a oferta familiar, o domingo 13 ás 19:00 h, Txo Titelles regresará á Praza Arquitecto Antonio Palacios co seu circo de monicreques Circ-Cabaret Armando Rissotto, tamén sumado recentemente ao programa.
Música, teatro e festas tradicionais
A cultura e o lecer para todos os públicos completaranse con música en directo, artes escénicas e tradición. O venres 11 ás 20:00 h, a Praza Arquitecto Antonio Palacios vibrará co concerto de Ialma, mentres que o sábado 12 ás 19:30 h a Praza do Cristo acollerá a Festa Flamenca, co espectáculo de Pasión Flamenca. A xornada do domingo 13 combinará a clásica Romaría no Monte da Risca —organizada pola Comunidade de Montes de Porriño desde a mañá— coa comedia teatral O mundo ao revés, da Asoc. Cultural e Teatral Pedroso (ciclo Fegateatro), que se representará ás 18:00 h no Centro Cultural de Chenlo con entrada libre ata completar a capacidade.
Eventos deportivos
O deporte tamén terá un papel destacado nas festividades. O sábado 12 disputaranse o Torneo Atios Cup Benxamíns durante todo o día no Campo de fútbol de Atios e o Trofeo de Ciclismo “A Nocturna 2026”, proba de circuíto americano organizada polo Club Master Louriña que arrincará ás 16:00 h polas rúas da vila. O broche deportivo porase o domingo 13 ás 12:00 h coa XIV Milla Porriñesa, organizada polo Club Atletismo Porriño e o Concello.

