Nidia Arévalo asina con Luis López un investimento de 1,2M€ para financiar o 100% da humanización da contorna da igrexa de Sanguiñeda

Redacción

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, selan no Pazo Provincial un acordo que combina os recursos do Plan Extra e do +Provincia para impulsar un proxecto que transformará o espazo público e fomentará a mobilidade peonil e a seguridade viaria

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, asinou co presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, o convenio para a mellora da contorna da igrexa de Sanquiñeda, enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra.

No Pazo provincial, López e Arévalo selaron un acordo a través do cal o organismo provincial financiará o 100 % dun proxecto valorado en preto de 1,2M€, dos que case 900.000 euros achégaos ao abeiro do Plan Extra e os 214.000 euros restantes cúbreos cos recursos do Plan +Provincia correspondentes ao Concello de Mos.

O proxecto ten como obxecto a recuperación para uso peonil da explanada existente diante da entrada á igrexa de Sanguiñeda, xerando unha zona estancial en plataforma única con novo mobiliario urbano axeitado á proposta.

A creación desta praza pública complétase co deseño dun itinerario peonil accesible, que conecta a nova praza coa Avenida de Sanguiñeda. Entre as accións que se executarán nesta actuación figura a ampliación do Torreiro cara a parcela municipal, a creación dun acceso lateral ata o local da asociación de veciños desde a parcela municipal, de zonas verdes para uso estancial e desfrute das persoas e dunha nova edificación baixo a praza para uso veciñal. Ademais, se relocalizará e renovará a marquesina incorporando unha nova pérgola, se integrará no deseño elementos patrimoniais como a escalinata de acceso á igrexa, o viacrucis e a fonte de pedra. Unha intervención que servirá tamén para calmar o tráfico e renovar os servizos e a imaxe da contorna.

A colaboración da Deputación co Concello de Mos non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten recibido de mans do organismo provincial nestes tres anos de mandato un total de 6,3M€ a través dos distintos plans de cooperación aprobados, o que demostra o compromiso da Deputación cos concellos da provincia para mellorar a calidade de vida da veciñanza.

Comparte este artigo