O BNG de Poio reclama unha auditoría urxente dos depósitos de auga de Raxó e Samieira para corrixir as deficiencias de almacenamento

Redacción

Marga Caldas critica que o goberno de Moldes non supervisase o estado dos tanques antes do verán e esixe que asuma a súa responsabilidade polos cortes á veciñanza

O BNG de Poio vén de reclamar ao goberno de Ángel Moldes a realización inmediata dunha auditoría técnica “específica e completa” sobre a capacidade e o estado actual de todos os depósitos que abastecen Samieira e a parte alta de Raxó, así como a realización urxente das obras necesarias para corrixir as deficiencias de almacenamento que provocaron os problemas de abastecemento á veciñanza nas últimas semanas.

A voceira municipal do Bloque Marga Caldas realizou este rogo no último Pleno, no que esixiu ao goberno local que asuma “a súa total responsabilidade” polos reiterados cortes de auga sufridos nestas parroquias. Para as nacionalistas, a situación non pode ser xustificada unicamente pola seca, senón que evidencia “unha falta de previsión e de control” municipal ante unha circunstancia perfectamente previsible: o incremento da demanda de auga durante o verán. “Vostede ten que prever que estamos no verán, non só para as festas, senón porque os nosos veráns son cada vez máis secos e iso conleva previr”, reprochou Caldas a Moldes.

A voceira nacionalista considera especialmente grave que o Concello non tivese garantido con antelación que os depósitos municipais dispoñían da cantidade de auga suficiente para afrontar o incremento da demanda estival. “O goberno local tiña que revisar os niveis, planificar os bombeos e comprobar que os depósitos estaban en condicións de responder ás necesidades da poboación antes de que chegase agosto”, sinala.

O BNG lembra que xa denunciou publicamente durante a crise que os cortes de auga non podían abordarse simplemente como unha consecuencia inevitable da seca. A falta de previsión e a ausencia de medidas preventivas converteron unha situación de maior demanda nun problema que acabou afectando directamente un servizo básico, con cortes nocturnos e interrupcións do subministro en Samieira e nas zonas altas de Raxó mentres, sen embargo, outros concellos que tamén se nutrían do Lérez -como Sanxenxo- seguían a ter abastecemento.

Neste sentido, o BNG reclama que a auditoría técnica determine con precisión a capacidade real de almacenamento de cada depósito, o seu estado de conservación e mantemento, os niveis de carga, o funcionamento dos sistemas de bombeo e as necesidades actuais de abastecemento das zonas ás que dan servizo. O obxectivo, sinalan, debe ser coñecer de inmediato onde están as deficiencias e actuar sobre elas sen agardar a que volvan producirse novos cortes.

A formación nacionalista considera que esta auditoría é especialmente necesaria á vista das explicacións ofrecidas polo propio Concello durante a crise, que apuntaban ás limitacións de capacidade dos depósitos de Samieira e Pomar e á imposibilidade de abastecer as zonas altas desde outras infraestruturas debido á diferenza de cota.

A voceira do BNG tamén reprochou ao Goberno de Moldes que reivindique agora investimentos e proxectos sen asumir as súas responsabilidades sobre a xestión ordinaria dos servizos. “Vostede vainos meter un ‘sablazo’ no recibo da auga, mais ten que coller o traballo feito que lle deixamos: fala das facturas e non dos proxectos que planificou xa o noso goberno”, finalizou.

Comparte este artigo