O concello de Nigrán celebra este domingo a XV Carreira pola Praia “Nigrán Area” con 500 participantes

Redacción

Os dorsais serán entregados este sábado de 10:00 a 13:00 no Auditorio Municipal ou o propio domingo en Panxón ata media hora antes de comezar a proba

Como novidade, establécense premios en metálicos para os tres clasificados da categoría absoluta feminina e masculina

O Concello ofrece este domingo 30 de agosto unha das súas citas deportivas máis emblemáticas do verán: a XV edición da ‘Nigrán Area’, carreira popular de atletismo pola praia de Panxón e Praia América cun total de 500 inscritos. Os dorsais serán entregados este sábado de 10:00 a 13:00 no Auditorio Municipal ou o domingo en Panxón ata media hora antes de comezar a proba. A principa novidade é que este ano se establecen 1.200 € en premios en metálicos para os tres primeiros clasificados da categoría absoluta masculina e feminina, a razón de 300 €, 200 € e 100 € respectivamente. A carreira está amadriñada pola atleta Julia Vaquero, que compite na mesma.

“Trátase dunha carreira única pola contorna natural do litoral nigranés aproveitando a marea baixa, e que pretende fomentar o deporte, o respecto polo medio e a convivencia veciñal”, explica o rexedor do Concello de Nigrán, administración que asume a totalidade da organización e que conta coa axuda económica da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do Plan + Provincia. Este evento convoca a persoas corredoras de todas as idades, reunindo a máis de 3.000 persoas entre atletas, acompañantes e público.

A cita deportiva arranca ás 11:00 horas na categoría absoluta (6’1 km) e está aberto a tódalas idades, tendo saída desde Panxón. A partir das 12:00 horas será a quenda das categorías inferiores: os sub 16 percorrerán 2 km, os sub 14 farán 1500 m, os sub 12 un km, os sub 10 percorrerán 500 metros, os sub 8 farán 300 metros e os máis pequenos farán 100 metros. A proba conta coa supervisión da Federación Galega de Atletismo.

Comparte este artigo