- O alcalde, Alejandro Lorenzo, visitou hoxe as instalacións para supervisar os traballos de mellora, que se atopan case rematados.
- A actuación contou cun investimento de máis de 36.000 euros para a execución dunha losa de formigón, a colocación de losetas e o pintado e marcado da pista.
O Concello do Porriño encara a fase final das obras de mellora e reforma da pista deportiva CEIP de Budiño. O alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, visitou hoxe o centro educativo para comprobar de primeira man o avanzado estado dos traballos, que están a punto de concluír para o gozo de toda a comunidade escolar.
A actuación responde á necesidade de acondicionar e modernizar este equipamento deportivo. Entre as tarefas executadas atópase a realización dunha nova losa de formigón na pista de fútbol, a colocación de losetas e o posterior marcado e pintado das liñas regulamentarias das pistas deportivas.
Os traballos alcanzan un orzamento de 36.320,67 euros (IVE incluído). Con esta intervención, o Concello dota ao CEIP de Budiño duns espazos deportivos máis seguros, modernos e axeitados para a práctica da actividade física do alumnado.
Veñense así a completar as obras de mantemento levadas a cabo no colexio que incluiron traballos de fontanaría para aumentar a presión da auga nos baños do comedor e a instalación de novas luminarias, tanto nas aulas como no ximnasio. Ademais, as obras neste centro inclúen a rehabilitación de baños, cunha inversión superior aos 10.000 euros.
Durante as vacacións de decembro procederase tamén á reforma do parque infantil emprazado na fachada frontal deste colexio que ten na actualidade 135 alumnos.

