Borrageros e Vilamaior reclaman anticiparse ao cambio climático e reforzar as garantías de abastecemento no rural e no sector agrogandeiro
O Grupo Municipal do BNG da Estrada rexistrou hoxe no concello unha moción para a elaboración dun Plan Municipal de Prevención, Aforro e Adaptación fronte á Seca. A iniciativa foi presentada en rolda de prensa polo candidato á alcaldía, Marcos Borrageros, e polo concelleiro Sindo Vilamaior.
O BNG alerta de que a falta de precipitacións e as altas temperaturas están a xerar unha preocupación crecente entre a poboación, especialmente no rural e no sector agrogandeiro, e lembra que os episodios de seca tenden a repetirse con maior frecuencia e intensidade como consecuencia do cambio climático. Os nacionalistas citan datos do visor River Monitor, do investigador da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC, Dominic Royé, publicados por GCiencia o pasado 19 de agosto: a mediados de mes, o 79 % dos ríos galegos presentaban algún grao de secura e o 15 % rexistraban valores extremos, cunha incidencia especial na cunca do Ulla e no sur da provincia de Pontevedra.
“Non se trata de xerar alarma, senón de actuar con previsión”, sinalou Borrageros, quen defendeu que a resposta municipal debe ser preventiva e coordinada coas administracións competentes”. O candidato á alcaldía lembrou que A Estrada conta cun sistema de abastecemento diversificado, apoiado nos recursos de Penerada e na captación do río Umia, pero advertiu de que esa fortaleza “non elimina a necesidade de saber como respondería o conxunto do sistema ante períodos de seca máis longos e frecuentes”.
Pola súa banda, Sindo Vilamaior puxo o foco na situación específica do rural, onde unha parte importante das parroquias depende de traídas veciñais, mananciais, minas ou pozos particulares. “A auga é vital para as vivendas e tamén un recurso estratéxico para as explotacións agrogandeiras. Unha redución de caudais pode derivar nun grave problema económico e comprometer o futuro do sector”, advertiu Sindo Vilamaior.
Entre as principais propostas que recolle a moción figuran:
- A elaboración dun Plan Municipal de Prevención, Aforro e Adaptación fronte á Seca, coordinado con Augas de Galicia.
- Un estudo actualizado do sistema municipal de abastecemento e da súa capacidade de resposta en escenarios de seca prolongada.
- Un inventario das traídas veciñais e sistemas colectivos do rural, identificando os máis vulnerables.
- A intensificación da detección e reparación de fugas e a dixitalización da rede municipal.
- Un protocolo municipal de actuación fronte á seca, con niveis de resposta e prioridade para o abastecemento humano.
- Unha campaña de información sobre uso responsable da auga, sen mensaxes alarmistas.
- A revisión dos consumos en instalacións municipais e o estudo do aproveitamento de augas pluviais.
- Unha interlocución específica co sector agrogandeiro e coas comunidades de usuarios do rural.
- A demanda á Xunta de Galiza e a Augas de Galicia de máis financiamento para a renovación de redes e a modernización das traídas veciñais.
- Información periódica á Corporación e á cidadanía sobre a evolución da situación hídrica.
Borrageros e Vilamaior insistiron en que a moción “non é para xerar alarmismo entre os veciños e veciñas, senón para que o Concello se dote das ferramentas necesarias para anticiparse, protexer o abastecemento humano e atender as necesidades do rural e do sector agrogandeiro nun contexto climático cada vez máis esixente”.

