O Concello de Salvaterra de Miño foi beneficiario das axudas convocadas pola Xunta de Galicia destinadas ás entidades locais titulares de bibliotecas públicas e axencias de lectura integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
En concreto, o Concello recibirá 1.084,47 € euros, que se destinarán a reforzar e actualizar os fondos da biblioteca municipal coa adquisición de novidades editoriais en galego en formato físico.
Estas subvencións teñen como finalidade facilitar a actualización dos fondos bibliográficos das bibliotecas municipais, favorecendo tanto a incorporación de novas publicacións en lingua galega como a renovación e mellora das coleccións existentes.
No caso de Salvaterra de Miño, esta achega permitirá ampliar a oferta de títulos dispoñibles para a veciñanza, incorporando novidades editoriais e novos recursos que contribúan a responder aos intereses e necesidades das persoas usuarias da biblioteca.

