O BNG de Poio denuncia novos problemas no transporte escolar do instituto e acusa a Moldes de ser “cómplice”

Redacción

Marga Caldas alerta de que tanto onte como hoxe quedaron estudantes da ESO e Bacharelato sen recoller nas paradas por falta de planificación de Monbus

O Bloque pide á Xunta inspeccións periódicas e medidas sancionadoras de ser necesario

O BNG de Poio vén de denunciar novos problemas no transporte escolar do instituto, despois de que tanto onte como hoxe varios alumnos e alumnas da ESO e de Bacharelato quedasen sen recoller nas súas paradas. A formación nacionalista sinala directamente á falta de planificación da empresa Monbus e advirte de que se trata dun problema que leva anos repetíndose sen que a Xunta de Galicia lle dea unha solución definitiva, agora coa complicidade do goberno local de Ángel Moldes.

A voceira municipal do BNG Marga Caldas denuncia que “estamos ante un problema que o Partido Popular asegurou que xa estaba arranxado neste mandato, mais a realidade volve demostrar que non é así”. “Onte e hoxe volvemos ter rapaces e rapazas, algúns deles pequenos, quedando nas paradas porque o transporte non estaba correctamente planificado. Isto é absolutamente inaceptable”, afirma. Segundo explica a formación nacionalista, a liña de Campelo está sendo especialmente afectada, aínda que as incidencias non se limitan a esta ruta.

Marga Caldas lembra que os problemas do transporte do IES de Poio tampouco son novos nin puntuais. Ao longo dos últimos anos sucedéronse denuncias por falta de prazas, estudantes que quedan en terra, incumprimentos das rutas e das paradas, modificacións de itinerarios e retrasos que chegan a afectar ao propio horario lectivo. “Levamos anos padecendo exactamente o mesmo problema, agora coa connivencia do goberno do PP de Poio”, di.

O BNG salienta que a solución aos problemas do transporte foi unha reclamación permanente tanto do goberno anterior como do propio grupo nacionalista, que solicitou de maneira reiterada á Xunta que adoptase medidas para evitar que estas situacións se repetisen. A voceira do Bloque considera especialmente grave que o problema se manteña. “Non poden seguir facendo como que non pasa nada. Se o goberno local coñece estas deficiencias e non esixe solucións á Xunta nin á empresa, está a ser cómplice. Volvemos á mesma historia de que Moldes non quere ser incómodo para o seu propio partido en lugar de defender á veciñanza. Agora é no transporte, pero así acontece tamén coa sanidade e as deficiencias que sufrimos na Atención Primaria e nas infraestruturas”, subliña Caldas.

O Bloque sinala que a responsabilidade última do transporte escolar corresponde á Xunta como administración competente na planificación e contratación do transporte escolar, pero o goberno local ten a obriga de defender os intereses das familias e do alumnado de Poio. “Agora o PP de Poio xa non está do lado das familias: está permitindo que a situación continúe”, lamenta a voceira nacionalista. “Non estamos a falar dun luxo nin dun servizo complementario. Estamos a falar de rapaces e rapazas que necesitan un autobús para poder acudir ao instituto”, afirma.

O BNG considera inadmisible que cada inicio de curso haxa incerteza de se a rapazada poderá subir ao autobús ou quedará a esperar na parada. Por iso esixe á Xunta e ao goberno local que interveñan de inmediato, revisen as rutas e capacidade das liñas do IES de Poio coas inspeccións pertinentes e adopten as medidas e sancións necesarias para que ningún estudante volva quedar tirado.

Comparte este artigo