Luis Bará: “A pasteira ten tres cadeiras no Consello da Xunta, a do Presidente e as das conselleiras de Medio Rural e Medio Ambiente”
As reunións nesta semana entre a dirección de ENCE e as conselleiras do Medio Rural e Medio Ambiente pon de manifesto que o goberno da Xunta teñen unha auténtica “comuñón de intereses”. Segundo Luís Bará, portavoz de medio ambiente e deputado por Pontevedra, “estamos nunha entente cordiale xa non disimulada e nun goberno de coalición de facto entre o PP e ENCE: a pasteira condiciona a política ambiental e forestal da Xunta e o PP blanquea a empresa contaminante poñéndoa como exemplo de sustentabilidade, de xestión da auga ou incluíndoa na Alianza polo Clima”.
Para Luís Bará “O que vemos nestas reunións é unha operación de lavado de imaxe dunha empresa que xera moito rexeitamento social, á que a Xunta pretende presentar como exemplo de xestión ambiental”.
Para o BNG resulta escandaloso que a conselleira do Medio Rural se reuna coa dirección de ENCE para poñela como exemplo de “sustentabilidade forestal” cando é publico e notorio o problema que supón a expansión e o monocultivo do eucalipto en moitas zonas do país. Unha expansión por certo que supera amplamente as previsións do Plan Forestal sen que a Xunta faga nada ao respecto.
E tamén resulta inaudito que a conselleira de Medio Ambiente participe na operación de blanqueo poñendo a ENCE como exemplo de xestión sustentable da auga, cando é sabido que o elevado consumo de auga da pasteira e a captación de auga do Lérez pon continuamente en risco o abastecemento da poboación de mais de 120.000 persoas da comarca de Pontevedra.
Segundo Bará: “A operación de blanqueo tivo un punto culminante hoxe coa visita de pleitesía da conselleira para presentar un proxecto piloto de recuperación de auga da EDAR dos Praceres que non deixa de ser un parche que non resolve o problema de fondo derivado da seca”.
As cadeiras de ENCE no Consello da Xunta
Segundo Luís Bará, “a connivencia entre ENCE e o PP é total e absoluta. E cada vez é máis evidente a subordinación do goberno galego aos intereses da pasteira, que vai a máis coa presidencia de Rueda”. O deputado nacionalista conclúe dicindo que “ENCE ten tres cadeiras no Consello da Xunta, a do Presidente e as das conselleiras de Medio Rural e Medio Ambiente. E ten ademais varias persoas en postos de alta responsabilidade destas dúas consellarías”.

