O BNG reclama “a chave dos cartos para Galiza” e un concerto económico para que o país poida financiar e xestionar directamente o SAF

Redacción

Ortega lamenta o ‘pim, pam, pum’ entre PP e PSOE e subliña que “non estamos ante un problema de porcentaxes, senón de modelo de país”, polo que reclama que Galiza recade e administre o 100% dos impostos que se pagan no seu territorio

O BNG reclamou hoxe no Pleno da Deputación que Galiza teña “a chave dos cartos” para poder financiar e xestionar directamente o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e que os concellos deixen de funcionar como “caixa de resistencia” dun servizo público que, segundo defende a formación nacionalista, debe estar financiado integramente pola Xunta. Así o trasladou a deputada María Ortega, quen defendeu que os concellos queden eximidos de achegar recursos propios para cubrir o custo real das prestacións.

Ortega lembrou que o SAF é un dereito vinculado ao sistema de dependencia e un servizo de titularidade pública que se presta desde os concellos pola súa proximidade á veciñanza. “Que sexa municipal a súa xestión non significa que os concellos teñan que asumir o seu financiamento”, sinalou, lembrando que a propia Lei de Servizos Sociais de Galicia establece que a atribución de competencias debe ir acompañada dos medios económicos, materiais e persoais necesarios, baixo o principio de equilibrio financeiro. Para o BNG, a realidade actual contradí ese principio: os concellos están tendo que poñer cartos propios para manter un servizo cuxo custo supera o financiamento que reciben, unha situación que, segundo Ortega, “afoga economicamente as arcas municipais”.

A deputada nacionalista puxo ademais o foco na oportunidade que abre a recente reforma do sistema de autonomía e atención á dependencia. Segundo explicou, os novos fondos supoñen que os recursos dispoñibles para Galiza pasen duns 180 millóns a preto de 360 millóns de euros, con 270,8 millóns adicionais entre 2026 e 2027. “Con estes datos xa non valen escusas”, advertiu Ortega. “Hai máis recursos e a Xunta ten que utilizalos para aliviar os concellos e garantir o servizo, non para manter un modelo no que as administracións locais teñen que poñer cartos propios para cubrir o que falta”.

Neste sentido, o BNG cuestiona tanto a posición do PP como a do PSOE. Ortega criticou que o PP e a Xunta se escuden en que o Estado non achega aínda o 50% do financiamento mentres manteñen unha achega autonómica que, no seu plan plurianual, chegaría progresivamente aos 18 euros por hora. “Non ten sentido recibir unha inxección histórica de recursos e, ao mesmo tempo, manter a chantaxe financeira sobre os concellos”, denunciou.

Tamén censurou a posición do PSOE, ao que acusou de reclamar agora o financiamento íntegro por parte da Xunta despois de ter apoiado, xunto co PP e no seo da FEGAMP, un modelo de financiamento que queda “inmensamente lonxe” do custo real do servizo. “Reclaman hoxe o que entregaron onte”, resumiu.

O BNG defende que a solución pasa por que a Xunta asuma o 100% do custo real do SAF e transfira os recursos necesarios sen obrigar aos concellos a financiar os sobrecustos. Pero, ademais, propón avanzar cara a un modelo no que a propia Xunta poida asumir directamente o pagamento ás empresas prestadoras ou, alternativamente, transferir os recursos directamente ás persoas dependentes para que poidan escoller a entidade que mellor responda ás súas necesidades.

“Non estamos a falar dunha axuda discrecional nin dun servizo que os concellos poidan prestar segundo teñan máis ou menos recursos. Estamos a falar dun dereito”, subliñou Ortega. “Unha persoa dependente debe ter acceso a un SAF coa mesma calidade viva onde viva, e non pode depender da capacidade económica do seu concello”.

A deputada nacionalista insistiu en que o financiamento do SAF non pode seguir sendo unha carga engadida para os concellos nin obrigalos a actuar como caixa de resistencia para garantir un servizo esencial. “Os concellos teñen que xestionar, estar preto das persoas e garantir a atención; o que non poden é seguir poñendo os cartos que a Xunta non pon”, afirmou. Por iso, o grupo provincial do Bloque votou a favor de reclamar á Xunta o financiamento íntegro do SAF e a exención dos concellos de achegas propias, en coherencia coa posición que a formación nacionalista mantén desde hai anos.

Comparte este artigo