O Concello condena o crime acontecido no municipio e convoca un minuto de silencio en memoria da vítima

Redacción

O acto, extensivo a todos os veciños e veciñas,  terá lugar ás 12:00 nas portas do consistorio municipal

O Goberno local do Concello de Ponteareas desexa manifestar publicamente a súa máis profunda consternación, dor e enérxica condena ante o tráxico asasinato acontecido no día de hoxe no noso municipio. En sinal de duelo, respecto e repulsa unánime ante este terrible suceso, o Concello convoca de xeito oficial a toda a cidadanía a un minuto de silencio que terá lugar mañá, luns 14 de setembro, ás 12:00 horas fronte ás portas do consistorio municipal.

Con este acto, Ponteareas quere unirse na dor para honrar a memoria da veciña falecida e amosar o rexeitamento frontal de toda a vila cara a calquera tipo de violencia. Do mesmo xeito, dende a administración municipal queremos facer constar de forma expresa que amosamos unha total disposición a colaborar estreitamente e de xeito incondicional coas autoridades sanitarias e xudiciais implicadas no caso, facilitando calquera labor ou requirimento que contribúa ao esclarecemento dos feitos.

Por otra banda, o concello está dende o primeiro momento á enteira disposición da familia da vítima, poñendo ao seu alcance todos os nosos recursos municipais que sexan necesarios. Os servizos sociais están xa activados e á enteira disposición da familia para brindarlles todo o soporte psicolóxico, social e de calquera índole que poidan precisar de forma urxente e indefinida

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, amais de amosar a consternación de todo o equipo de goberno polos feitos acaecidos, fixo un chamamento a todos os veciños e veciñas de Ponteareas para que mañá ás 12:00 “unámonos de xeito unánime no minuto de silencio ás portas do Concello. É fundamental que, como sociedade, demostremos o noso rexeitamento absoluto ante calquera manifestación de violencia e amosemos o noso máximo respecto á memoria da nosa veciña.”

Comparte este artigo