- Marcos Borrageros, candidato do BNG á alcaldía da Estrada, sinala que a infraestrutura, promovida por UFD (Grupo Naturgy), proxecta torres de ata 28,5 metros a pouca distancia dos núcleos habitados.
- A formación nacionalista exixe protexer á veciñanza, o patrimonio cultural, os espazos naturais e a contorna do Camiño de Santiago (Vía da Plata).
O BNG da Estrada exixe a modificación do proxecto da liña de alta tensión (LAT) de 66 kV entre as subestacións da Estrada e Paizás, promovida por UFD Distribución Electricidad, S.A. (Grupo Naturgy), para garantir o soterramento integro da liña naqueles tramos que discorren en proximidade ás edificacións e vivendas do concello.
O candidato do BNG á alcaldía da Estrada, Marcos Borrageros, subliñou que «a prioridade absoluta debe ser a seguridade, a saúde e o benestar da veciñanza». A pesar de que o proxecto inclúe actualmente tramos subterráneos moi puntuais —como o tramo inicial na subestación da Estrada ou o cruzamento baixo terra da estrada N-525 e o Camiño de Santiago en Agar—, o percorrido aéreo proxecta a instalación de 80 apoios metálicos no municipio, con alturas que chegan a superar os 28 metros.
«Non imos permitir que se impoña un trazado aéreo que discorra a escasos metros das casas e afecte á calidade de vida das nosas parroquias», declarou Borrageros. O proxecto contempla torres e liñas aéreas que pasan a moi pouca distancia de núcleos e lugares habitados, como por exemplo:
- Guimarei: A Portela (a 98 metros do apoio nº 18) e A Cruz (a 167 metros do apoio nº 21).
- Cereixo: Mollarrabo (a 101 metros do apoio nº 25) e Pernaviva (a 128 metros do apoio nº 26).
- Ouzande: Penarada (a 162 metros do apoio nº 3).
- Rubín: Pazos e O Barro (ambos a menos de 190 metros do apoio nº 38).
Arredor de 143 veciños e veciñas da Estrada residen a menos de 200 metros do trazado aéreo. Para o candidato nacionalista, «é indispensable que a liña discorra baixo terra ao seu paso por estas áreas para evitar afeccións directas sobre a poboación».
“Se a empresa promotora e a Xunta din que este proxecto é necesario, tamén teñen que asumir que a solución técnica que menos impacta sobre a saúde, a seguridade e a calidade de vida dos veciños é o soterramento. É unha cuestión de vontade política e de investimento, non de imposibilidade técnica: o propio proxecto xa contempla tramos soterrados noutros puntos do trazado”, afirma Borrageros.Impacto ambiental, paisaxístico e patrimonial
Afeccións ao territorio e ao patrimonio:
- Impacto paisaxístico e ambiental: A instalación de decenas de torres de gran altura (que oscilan maioritariamente entre os 20 e os 26 metros, acadando picos de 28,5 metros) supón un impacto visual e unha alteración do contorno natural e agrícola de parroquias como San Paio da Estrada, Ouzande, A Somoza, Guimarei, Cereixo, Lagartóns, Rubín, Curantes e Agar. Borrageros lembrou a necesidade de protexer o contorno de espazos protexidos como as Brañas de Xestoso e o sistema fluvial da comarca.
- Impacto sobre o patrimonio cultural e histórico: A liña aérea fura contornas de elevado valor arqueolóxico e etnográfico. Pasará por enriba do xacemento romano do Toxeliño. Trátase dun asentamento habitacional romano non visible na superficie, caracterizado por unha alta concentración de material cerámico, un impacto que o propio proxecto considera “crítico”. Para o candidato do BNG é “inaceptable que se arrase este xacemento arqueolóxico cunha torre de grandes dimensións”. Tamén pasará a escasos metros das minas históricas de Os Teixos, e en inmediacións de mámoas (como as da Besadilla, A Peneda do Encanto ou A Poza en Rubín), pazos (Pazo de As Cortes) e vías históricas como a Geira/Camiño dos Arrieiros.
- Impacto no Camiño de Santiago: Aínda que se contemplou un tramo subterráneo para cruzar a Vía da Plata (Camiño Sanabrés) xunto á N-525, a proximidade dos apoios aéreos de transición e as obras de construción xeran unha afección sobre o itinerario Xacobeo que debe ser minimizada e coidada ao máximo.
«Comprendemos a necesidade de mellorar a garantía do subministro eléctrico e pechar o anel entre A Estrada e Paizás, pero isto non pode facerse á costa do benestar da veciñanza nin do noso patrimonio natural e cultural», concluíu Marcos Borrageros. «O BNG estará do lado dos veciños e veciñas exixindo que a liña sexa soterrada nos tramos onde afecte ás vivendas e que se apliquen as máximas garantías ambientais e de protección patrimonial».

