• O líder do PP avanza que a moción será tamén unha promesa electoral da súa candidatura: “Cando sexa alcalde, duplicaremos as subvencións municipais para os clubs e entidades deportivas, que son claramente insuficientes, e ampliaremos as instalacións deportivas”
• Guille Juncal afonda en “unha realidade que puxo en xaque a moitos deles, que subsisten grazas ao esforzo privado e patrimonial de moitos directivos que avalan os gastos dos seus propios clubs”
O presidente local e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, e o concelleiro Guille Juncal, presentaron en rolda de prensa a súa proposta para duplicar as subvencións municipais de fomento da actividade deportiva para contrarrestar o incremento desproporcionado dos gastos que, cada tempada, afogan economicamente aos clubs e entidades deportivas da cidade.
Domínguez considera necesario “abrir un cambio profundo nas políticas deportivas do Concello, ampliando e mellorando as instalacións deportivas municipais, que son claramente insuficientes, e reforzando a relación cos clubs deportivos da cidade, que levan anos soportando un incremento brutal dos custos. A inflación fixo que manter unha actividade deportiva sexa cada vez máis caro e, con todo, o Goberno local do BNG non deu aos clubs a resposta nin o apoio que necesitan”.
O líder do PP de Pontevedra non renuncia á organización de grandes eventos deportivos, pero considera prioritario “ter aos clubs e as instalacións deportivas nas mellores condicións, circunstancia que nestes momentos non se produce, porque o seu labor é fundamental para que os nenos e mozos desenvolvan bos hábitos saudables e adquiran valores fundamentais para o seu futuro como a disciplina, a constancia, o respecto ou o sentimento de frustración”.
“Devolver aos clubs parte do esforzo realizado nos últimos anos”
O concelleiro Guille Juncal afondou na realidade económica dos clubs e entidades deportivas da cidade, que padeceron como os custos das súas tempadas – custos administrativos, licenzas federativas, transporte, servizos médicos, material deportivo, etc. – aumentaron de forma exponencial nos últimos anos. “Unha realidade que puxo en xaque a moitos deles, que subsisten grazas ao esforzo privado e patrimonial de moitas persoas, directivos que avalan co seu propio patrimonio o financiamento dos gastos”, lembrou.
Por todos eles, os populares defenderán unha moción no Pleno municipal do próximo luns coa que “imos tratar de devolver aos clubs parte do esforzo que nos últimos anos realizaron para coa nosa sociedade”, afirmou.
A proposta pasa por duplicar a partida de subvencións de fomento da práctica deportiva e, ademais, actualizala anualmente conforme o IPC. Juncal considera que existe crédito orzamentario suficiente e que a decisión depende da vontade política do Gobierno local.
Para rematar, Domínguez avanzou que a duplicación das partidas para os clubs será tamén unha promesa electoral para a súa candidatura. “Cando sexa alcalde, duplicaremos todas as partidas económicas para os clubs e entidades deportivas da cidade”, asegurou, xunto co compromiso de mellorar e ampliar unhas instalacións deportivas que considera “claramente insuficientes”.

