O BNG acada a unanimidade para impulsar a recuperación dos Muiños de Aldán

Redacción

Lucía Santos valora positivamente o apoio unánime á recuperación e posta en valor dos muíños de Ardán. A iniciativa contempla a elaboración dun inventario municipal e a creación dunha ruta. Santos confía en que este consenso se traduza en actuacións concretas para conservar e divulgar o patrimonio etnográfico

O BNG valora positivamente a aprobación por unanimidade, no Pleno celebrado o pasado 10 de setembro, da súa moción para avanzar na recuperación, conservación e posta en valor dos muíños de Ardán.

Todos os grupos da corporación coincidiron na importancia de conservar este patrimonio material e recuperar os muíños como unha forma de preservar e divulgar a historia da nosa vila. O goberno municipal considerou positiva a proposta e expresouse unha vontade compartida de traballar na recuperación deste espazo, tanto desde o punto de vista patrimonial como para a súa incorporación a futuras rutas e iniciativas de carácter cultural, educativo e turístico.

A portavoz municipal do BNG, Lucía Santos Omil, considera que “a unanimidade acadada é unha boa noticia porque demostra que existe unha vontade común para recuperar unha parte importante da nosa historia e poñela ao servizo da veciñanza”.

A moción presentada polos nacionalistas propón que o Concello colabore activamente coa Comunidade de Montes de Ardán para impulsar a rehabilitación dos dez muíños e avaliar o seu estado de conservación. Ademais, insta a elaborar un inventario actualizado dos muíños tradicionais de Marín, incorporar os de Ardán nunha futura ruta con sinalización e difusión turística, e promover acordos coas persoas propietarias e coas entidades locais para favorecer a recuperación, o mantemento e a posta en valor deste patrimonio.

Santos sinala que o seguinte paso debe ser converter ese consenso en actuacións concretas para conservar os muíños e a súa contorna e facer deste patrimonio un recurso para coñecer a historia local, desfrutar do territorio e divulgar a riqueza etnográfica da vila.

O BNG salienta tamén o traballo que vén realizando a Comunidade de Montes de Ardán, que nos últimos anos, de maneira altruísta e con recursos propios, desenvolveu labores de limpeza, desbroce, recuperación de accesos e canles e mantemento da contorna dun conxunto de dez muíños.

Desde a formación nacionalista lembran que os muíños de auga constitúen unha parte relevante do patrimonio etnográfico galego e que durante séculos estiveron ligados á economía rural, á organización social e á propia paisaxe, ademais de seren espazos de encontro e convivencia. A súa recuperación permite, polo tanto, conservar unha parte da historia e da memoria colectiva de Marín.

Comparte este artigo