Parece que esta mensaxe está en galegoO BNG da Estrada exixe que A Estrada sexa incluída no plan da Xunta para a construción de novas residencias públicas de maiores

Redacción
  • Marcos Borrageros sinala a “total incapacidade” do alcalde, Gonzalo Louzao, para facer valer as necesidades da Estrada ante a Xunta de Galicia.

O BNG da Estrada, a través do seu candidato á alcaldía, Marcos Borrageros, reclamou hoxe formalmente que o concello sexa un dos elixidos para a localización dunha das 24 novas residencias para persoas maiores e dependentes (graos II e III) anunciadas pola Xunta de Galicia. O proxecto do goberno galego prevé situar estes centros en municipios de menos de 25.000 habitantes que actualmente carecen de prazas residenciais públicas deste tipo, co obxectivo de achegar os recursos á cidadanía e garantir a máxima cobertura.

Borrageros lembrou que a atención pública ás persoas dependentes é unha demanda histórica na Estrada. “O BNG leva anos esixindo a construción dunha residencia pública no noso concello. Presentamos numerosas iniciativas no Parlamento Galego e emendas aos orzamentos da Xunta para facela realidade, pero a resposta do Partido Popular foi sistematicamente votar en contra”, sinalou o candidato nacionalista.

Desde a formación nacionalista consideran inaceptable que A Estrada fose excluída durante tanto tempo dos plans de investimento social da Xunta. Para Borrageros, a situación actual evidencia a irrelevancia política do actual goberno local.

“O anuncio da Xunta deixa ao descuberto a absoluta incapacidade do alcalde, Gonzalo Louzao, para influír no seu propio partido e defender os intereses da Estrada. Mentres outros concellos veñen de asegurar servizos básicos para a súa veciñanza, o señor Louzao amosa unha submisión total cara a Santiago que deixa ao noso concello á cola na atención á dependencia”, afirmou Marcos Borrageros.

O BNG adianta que continuará a exercer toda a presión política e institucional necesaria para garantir que A Estrada non quede fóra deste novo plan de residencias públicas e que os maiores do concello dispoña, por fin, da atención digna e pública que merecen sen ter que abandonaren o seu entorno.

Comparte este artigo