Celebrarase o ‘XXII Torneo Concello de Nigrán senior masculino de tripletas’ e o’ IV Open nacional Conchi’ de dupletas feminino
O Concello de Nigrán volverá a ser esta fin de semana o epicentro da petanca galega con dous torneos disputándose á vez en Praia América-Lourido: o ‘XXII Torneo Concello de Nigrán senior masculino de tripletas’ e o’ IV Open nacional Conchi’ de dupletas feminino (este torneo realízase en memoria de quen foi xogadora destacada do club Bolos da Carrasca). As competicións, organizados polo Concello de Nigrán coa colaboración do clube anfitrión C.C.D. Bolos da Carrasca, reunirán a centos de xogadores de toda Galicia e mesmo doutras rexións de España.
“Esta cita é posible unha vez máis grazas ao C.C.D. Bolos da Carrasca da parroquia nigranesa de Parada, os grandes promotores da petanca en toda a comarca. Grazas ao seu tesón e esforzo, Nigrán volve a ser capital deste deporte, para o Concello é unha maneira excelente de por en valor o noso municipio no exterior, por iso consideramos Praia América como o mellor escenario”, destaca o alcalde, Juan González, quen nese sentido sitúa o Campeonato de España de Tripletas Sénior 1ª Masculino que tivo lugar no 2021 como o punto de partida de Nigrán como referencia nacional de petanca, sendo ademáis o Memorial Conchi un dos poucos que se manteñen como exclusivamente de mulleres.
Para a ocasión, novamente o Concello de Nigrán habilitará o aparcadoiro da antiga escola de vela de Praia América con decenas de canchas de competición e adestramento. O venres será a presentación dos equipos e os sorteos e, durante todo o sábado e boa parte do domingo terán lugar sendas competicións.

