Este recurso contará con 30 prazas e complementarase con outro de maior tamaño que se emprazará en Marín e que ofertará máis de 100
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse esta mañá co alcalde de Moraña, Sito Gómez, cuxo concello se vén de adherir ao proxecto de novas residencias de maiores que impulsa a Xunta. Moraña é un dos municipios seleccionados para o emprazamento destes centros e se complementa con outro de maior tamaño en Marín. O plan prevé a construción de sete residencias na provincia de Pontevedra.
Fabiola García explicou que as residencias de Moraña e Marín son dous proxectos pensados de maneira conxunta e que ao estar situados en concellos próximos permitirán aproveitar mellor os recursos e garantir unha maior cobertura territorial. Así, o equipamento de Moraña disporá de 30 prazas e funcionará como ‘satélite’ do de Marín, que terá máis de 100 prazas.
A conselleira sinalou que este proxecto é unha oportunidade para Moraña e toda a súa contorna porque ademais da creación de novas prazas para as persoas maiores, significa fomentar a actividade económica e o emprego, así como reforzar os servizos públicos. Neste sentido, lembrou que o plan da Xunta permitirá xerar, no seu conxunto, arredor dun milleiro de postos de traballo no sector sociosanitario e permitirá que moitas familias teñan máis preto un recurso de atención.
A proposta da Xunta inclúe 24 novos centros residenciais en concellos de menos de 25.000 habitantes, aos que se engade o comprometido en Ribeira. En total, estes recursos sumarán máis de 1.800 prazas impulsadas pola Xunta, das cales, como mínimo, o 60% serán de titularidade pública.
Na xornada de onte, a Consellería remitiu aos concellos seleccionados como posibles emprazamentos un documento para que no prazo dun mes se adhiran a esta iniciativa. Os concellos contarán cun ano de prazo, a partir da recepción do documento, para facer efectiva a posta a disposición dunha parcela que cumpra cos requisitos.

