O Salón de Exposicións acolle do 18 de setembro ao 7 de outubro unha mostra na que 15 mulleres reinterpretan obras recoñecidas dende unha perspectiva propia e de xénero
Quince mulleres, quince olladas e a arte como ferramenta para contar outras realidades. O Salón de Exposicións do Concello do Rosal acolle desde este 18 de setembro ata o 7 de outubro ‘15 visións: unha perspectiva de diferentes realidades dende o punto de vista da Arte’, unha mostra que convida a revisitar obras recoñecidas da historia da arte a través da mirada de mulleres vítimas de violencia de xénero.
A exposición reúne o traballo artístico realizado por 15 mulleres, que versionan obras amplamente recoñecibles para ofrecer unha nova lectura das realidades representadas nelas. A través das diferentes fotografías, as participantes incorporan as súas propias perspectivas e experiencias e propoñen ao público observar as imaxes baixo un prisma de xénero.
Deste xeito, obras como ‘A Gioconda’ ou ‘La Maja Vestida’ convértense no punto de partida dun exercicio creativo que emprega a arte para cuestionar miradas tradicionais, introducir novas narrativas e facer visibles outras formas de interpretar a realidade.
A exposición chega ao Rosal en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, dentro do traballo de sensibilización e promoción da igualdade. A mostra poderá visitarse de 09.00 a 14.00 horas, ofrecendo á veciñanza a oportunidade de achegarse a quince maneiras distintas de mirar, interpretar e contar a realidade a través da arte.

