“É prioritario garantir que o prezo da vivenda non deixa a ninguén fóra da universidade”, recalca logo dun encontro coa reitora da UVigo
Reclama ao Goberno do PP que incremente a rede de residencias universitarias, que agora só conta con 2.000 prazas para 64.000 estudantes
A portavoz nacional, Ana Pontón, propuxo un programa de bolsas de alugueiro para o alumnado universitario, unha axuda que permita ás familias afrontar ese gasto e cuxa posta en marcha só depende da vontade política da Xunta para activala en colaboración coas universidades.
Así o explicou logo do encontro que mantivo coa reitora da UVigo, Carmen García Mateo, coa que compartiu as prioridades do BNG na defensa da universidade pública e que pasan, en primeiro lugar, por “garantir que ningún mozo ou moza quede fóra do sistema universitario por non poder pagar o alugueiro” ou ter a obriga de asumir “o que significa ter que desprazarse para poder estudar a súa carreira universitaria”.
“Unha das grandes funcións que ten que ter a universidade é garantir que, vivas onde vivas e sexa cal sexa a conta bancaria da túa familia, poidas acceder a eses estudos universitarios e sabemos que isto está en risco”, remarcou, logo dunha reunión na que tamén participaron o portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas, e o responsable parlamentario de Universidade, Daniel Castro.
Por iso, considerou imprescindible actuar con propostas como as do BNG ante o “problema gravísimo de acceso á vivenda” e uns “alugueiros disparados” que para as e os estudantes universitarios estanse a converter nun elemento que pode impedir en moitos casos o desenvolvemento da súa carreira universitaria.
A líder nacionalista defendeu así a posta en marcha deste programa de bolsas que permita facilitar ao alumnado universitario galego “alugueiros accesibles e en condicións dignas”.
Ademais, apostou por ampliar a rede de residencias públicas, tendo en conta que na actualidade só hai 2.000 prazas residenciais para 64.000 estudantes. “Estamos falando de que só hai unha praza de residencia pública por cada 45 habitantes”, advertiu sobre unha ratio que considerou insuficiente.
Nesta liña, defendeu a construción dunha residencia universitaria pública en cada un dos campus galegos, máis tendo en conta que nos últimos anos o Executivo do PP non incrementou nin unha soa praza pública nas universidades do País, mentres si están medrando as prazas privadas, co que isto implica en canto á diferenza de oportunidades entre o alumnado.
A segunda gran prioridade para o BNG no ámbito universitario é o financiamento do sistema público galego. “Cremos que investir na universidade pública é investir en máis benestar, en máis desenvolvemento, en máis cohesión social e no apoio á nosa cultura e á nosa identidade, polo que pensamos que estamos nun momento no que hai que ser ambiciosos e ambiciosas”, afirmou Pontón, quen criticou ao Executivo do PP por levar anos racaneando ás universidades públicas -que reciben 106 millóns de euros menos que en 2009, denunciou-, mentres lle “pon unha alfombra vermella á universidade privada,” mesmo permitíndolle duplicar titulacións “cando a lei di textualmente que isto non se pode facer”.
A portavoz nacional apostou neste punto por incrementar até o 1,5% do PIB, arredor de 1.300 millóns de euros, a dotación das universidades no novo plan de financiamento universitario 2028-2032, unha proposta que, avanzou, o BNG defenderá no Parlamento galego.
Este incremento suporía, afondou, duplicar os recursos que ten o sistema universitario, o que permitiría ampliar prazas, por exemplo, en másteres que teñen moita demanda, desenvolver unha clara aposta pola investigación e potenciar as universidades galegas, nun momento no que o País se xoga moito e onde estas deben ser “un motor de desenvolvemento económico e social”.
A líder nacionalista reafirmou deste xeito o compromiso inquebrantable do Bloque na defensa “a ultranza” da universidade pública. “Nun momento no que se quere cuestionar o público, nós o que dicimos é que sen universidade pública, sen un ensino público forte, perderemos todos e todas como sociedade e o BNG o que quere é que Galiza avance”, concluíu.
Pola súa banda, o portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas, avogou por acurtar a distancia que separa a Universidade de Vigo da cidade, co obxectivo de “facer que Vigo deixe de ser unha cidade con universidade para se converter de verdade nunha cidade universitaria”.
Unha distancia que considerou preciso acurtar en termos de accesibilidade, coa mellora substancial do servizo de transporte público até o campus, pero tamén desde un punto de vista máis estratéxico e institucional, impulsando desde o propio Concello por que a universidade desenvolva aínda un maior papel como un actor institucional de primeira magnitude.
“A universidade ten que ollar para a cidade, estar presente na cidade e ser un actor determinante tamén nos debates que van definir o horizonte estratéxico de Vigo para os vindeiros anos e, nese sentido, cremos que todo o que sexa estreitar a cooperación a nivel institucional entre Concello e universidade vaise traducir en fortalezas e enormes oportunidades para avanzarmos cara ese novo Vigo que nós cremos que se ten que abrir paso canto antes”, rematou.

