Celebrarase do 16 ao 18 de outubro baixo a denominación de TuidCon-Hispacon 2026 con máis de 45 actividades
A literatura de xénero fantástico darase cita en Tui do 16 ao 18 de outubro coa celebración da 44ª edición da súa convención anula baixo o título de TuidCon. Durante estes tres días celebraranse preto de 45 actividades. Contarase coa participación de destacados escritores coma Rosa Montero, Mafalda Santos ou Luis Filipe Silva, recente premio europeo de Ciencia Ficción. A escritora tudense Conchi Regueiro presentará a súa nova obra.
O Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela, o edificio da praza da Inmaculada e o edificio Francisco Sánchez será a sede do amplo programa previsto. Con carácter gratuíto haberá charlas, mesas redondas e presentacións literarias abertas ao público xeral, e non só a afeccionados e afeccionadas da ciencia ficción, fantasía e terror.
Os eixos temáticos deste congreso serán: a fronteira, lugar e idea, encontro do fantástico ibérico e a historia como elemento clave nos xéneros fantásticos. Haberá máis de 60 relatores e relatoras e as convidadas de honra serán Rosa Montero, a recoñecida periodista e escritora madrileña, con notables incursións no eido da literatura fantástica, como a saga de Bruna Husky, e Mafalda Santos, autora portuguesa, de grande prestixio no seu país, con obras como Terra estreita ou Conta-me escuridão.
O autor Luis Filipe Silva, recente premio europeo de Ciencia Ficción, encabezará a ampla representación de Portugal que participará na convención. Tamén estará en Tui AMP Rodríguez, que traerá o Proxecto HYP, iniciativa cultural europea que desde a ficción da historia alternativa busca unha narrativa colectiva que fomente a empatía transnacional e que están a desenvolver a Universidade de Vigo, a de Oporto e a francesa École Pratique des Hautes Études.
O próximo mes de outubro a Hispacon recuperará a vella tradición de celebrar, dentro do propio congreso da AznarCon, a convención de afeccionados/as á saga dos Aznar, a mítica colección de libros de aventuras espaciais escrita por Pascual Enguídanos que na EuroCon de 1978 recibira o premio de mellor serie de ciencia ficción publicada en Europa. Outra actividade relevante será o microteatro fantástico, coa lectura dramatizada da obra “Son nuestros hijos”, de Ana Tapia.
Durante os tres días de celebración da TuidCon haberá unha feira editorial na praza da Inmaculada, ou en caso de choiva no interior do edificio situado na praza, onde se poderán mercar obras dos xéneros fantásticos de editoriais independentes especializadas, ou os títulos recentes dos grandes grupos.
Entre as presentación literarias previstas no edificio da praza da Inmaculada destaca “El secreto de la reina” ou novo libro da autora tudense Conchi Regueiro ou a presentación da reedición de “Las grietas del tiempo” de Ángel Torres Quesada, un dos nomes clásicos da ciencia ficción española, falecido o ano pasado, que será homenaxeado neste acto.
O sábado 17 entregaranse os Premios Ignotus, Matilde Horne de tradución e Domingo Santos de relato nunha cea de gala no restaurante 4 elementos Lume galego. Os Ignotus son os galardón que se outorgan por votación popular aos mellores traballos nos xéneros fantásticos do ano anterior e premian categorías como novela, conto ou ilustración, entre outras.
Na clausura do domingo 18, a Banda de Música Popular de Tui ofrecerá un concerto no que interpretará as bandas sonoras das películas de ciencia ficción, fantasía e terror máis coñecidas.
Na web oficial do congreso hispacon.org e perfís das redes sociais: @porticohispacon en Instagram e @porticohispacon.bsky.social en Bluesky pódese ampliar a información sobre esta destacada cita que do 16 ao 18 de outubro se vai desenvolver en Tui, reunindo a escritores, lectores e aficionados ao xénero fantástico e ao público en xeral.

