A tudense Aroa González presenta a súa primeira novela en Tui este venres

Redacción

Será ás 20 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela

O Espazo Sociocultural, da rúa Camilo José Cela, acolle este venres 18, ás 20 h, a presentación da primeira novela da tudense Aroa González, “Mundos paralelos”.

Aroa González cursa o Grao de Xornalismo en Santiago de Compostela, e dende a súa infancia escribe relatos e pequenas historias. Agora presenta a súa primeira novela baseada nun soño repetitivo que tivo aos 16 anos. Plasmou a historia entre dous mundos primeiro de forma manuscrita en papel, e logo xa no ordenador. Decidiu compartir a súa creación co público e da man da editorial TerraIgnota ven de publicar a súa primeira obra, mentres traballa xa na segunda parte do que será unha triloxía de fantasía, drama e romance.  

“Mundos paralelos” recolle a historia de Addison, unha moza aparentemente normal que pertence a unha raza descoñecida para a maior parte dos humanos. A súa vida corre perigo, e cando coñece a Jordan todo parece complicarse.

O acto, que conta coa colaboración do Concello de Tui, será presentado pola xornalista Andrea Carrera, que manterá unha conversa coa escritora sobre a súa obra.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, amosa a súa satisfacción pola presentación desta obra literaria dunha escritora novel tudense que se suma ao amplo número de escritores e escritoras cos que conta a cidade. 

Comparte este artigo