- Os populares lembran que a comarca reforzou as súas ambulancias no verán baseándose en datos do 061 e non en decisións políticas: “Ningún concello veu reducida a súa asistencia sanitaria urxente”
- A rede de transporte sanitario da comarca completouse este verán con 5 ambulancias asistenciais de soporte vital básico permanentes en Caldas de Reis, Cambados, O Grove, Sanxenxo e Vilagarcía
- A ambulancia medicalizada, situada en Sanxenxo, realizou 207 mobilizacións, das cales 110 tiveron lugar en Sanxenxo e 97 fóra deste municipio, o que demostra a prestación da cobertura a toda a comarca
O Grupo Parlamentario Popular remarcou, hoxe no Parlamento de Galicia, que a planificación so servizo de urxencias terrestre extrahospitalario no Salnés se realiza baixo criterios estritamente técnicos, asistenciais e de demanda coordinados polo 061. E acusou aos grupos da oposición de recorrer ao “sensacionalismo” e de utilizar argumentos sen base real para xerar alarma social entre a poboación.
Os populares defenderon que a comarca do Salnés conta cunha importante dotación de recursos materiais e humanos que, ademais, se reforza de forma notable durante os meses de verán para absorber o incremento estacional de habitantes. Desde o grupo parlamentario explicaron que o traslado temporal da base da ambulancia medicalizada comarcal a Sanxenxo, durante os meses de xullo e agosto, responde exclusivamente a patróns de demanda e accesibilidade, e non a criterios políticos.
Segundo os datos técnicos da campaña estival de 2026, dita unidade realizou 207 mobilizacións, das cales 110 tiveron lugar en Sanxenxo e 97 fóra deste municipio (incluíndo 32 en Vilagarcía e 22 no Grove), o que demostra que o recurso seguiu prestando cobertura a toda a comarca: “Ningún concello do Salnés veu reducida a súa asistencia sanitaria urxente”.
“Detrás de cada emerxencia hai unha persoa, unha familia e unha necesidade real de atención; precisamente por iso, non debemos xogar coa alarma nin terxiversar os datos”, sinalaron durante o debate da iniciativa, insistindo en que a saúde dos galegos esixe rigor e que non se pode desbotar a planificación técnica baseada en datos obxectivos para impoñer decisións de carácter político.
A rede de transporte sanitario da comarca completouse este verán con cinco ambulancias asistenciais de soporte vital básico permanentes en Caldas de Reis, Cambados, O Grove, Sanxenxo e Vilagarcía, sumando nesta última unha ambulancia básica adicional de 12 horas (de 10:00 a 22:00 horas).

