Mos celebra a súa Festa da Paella, que combinará gastronomía, música e actividades culturais durante a fin de semana

Redacción

Os actos están programados para os días 19 e 20 de setembro no Chan do Bosque e na capela da Virxe das Angustias

A Asociación de Veciños de Chan do Bosque organiza este fin de semana a Festa da Paella, que se desenvolverá esta fin de semana con propostas gastronómicas, musicais e culturais.

O programa dará comezo este sábado 19 de setembro, ás 21.00 horas, no Local Veciñal de Chan do Bosque, cunha festa da paella e un concurso de tortillas. A xornada contará tamén coas actuacións musicais do Grupo Tangaraño e do Grupo Amieiro e contará tamén coa actuación de Antonio Barros & Ialma.

Durante a noite tamén se realizarán sorteos de agasallos e unha subasta de plantas.

A programación continuará o domingo, 20 de setembro. Ás 12.30 horas, o Grupo Amieiro na contorna da capela da Virxe das Angustias. Ás 13.00 horas celebrarase unha misa cantada pola Coral Asomamos, tamén na capela.

Xa pola tarde, ás 19.00 horas, o Local Veciñal de Chan do Bosque acollerá a representación de “Non me movas os marcos”, un espectáculo de monólogos a cargo do Grupo de Teatro Mulleres en Igualdade de Mos.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destaca a importancia de seguir apoiando as iniciativas das asociacións veciñais, que contribúen a dinamizar a vida social das parroquias e ofrecen espazos de encontro para os veciños e veciñas. “Desde o Concello de Mos queremos poñer en valor o traballo que realizan as nosas asociacións veciñais e colaborar con elas na organización de actividades que permiten reunir á veciñanza arredor da gastronomía, da música e da cultura. Animamos a todos os mosenses a participar nesta Festa da Paella e a desfrutar dun programa pensado para tódalas idades”, sinala a alcaldesa.

A rexedora municipal agradeceu á Asociación de Veciños de Chan do Bosque o seu traballo na organización da festa e animou á veciñanza a achegarse ao longo da fin de semana. “Agardamos que sexan dous días de convivencia e diversión e que esta celebración siga medrando coa participación dos veciños e veciñas de Mos”, engade Arévalo.

A Festa da Paella conta coa colaboración do Concello de Mos, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, ademais da organización da Asociación de Veciños de Chan do Bosque.

Comparte este artigo