O Rosal, caso inspirador en transición enerxética local para toda Europa

Redacción

Foi elixido polo Pacto de Alcaldes da UE para o Clima e a Enerxía polo proceso e o esforzo realizado para constituír O Rosal Enerxía

A comunidade enerxética xa deu todos os pasos administrativos para obter o recoñecemento oficial

Da vontade de producir e compartir enerxía renovable no propio territorio a converterse nun exemplo para outros municipios europeos. O Concello do Rosal, un dos municipios piloto en Galicia do proxecto EC4Rural, foi elixido caso inspirador para toda Europa polo “Pacto de Alcaldes da UE para o Clima e a Enerxía”, o maior movemento de gobernos locais europeis que actúa fronte ao cambio climático para garantir un futuro mellor á súa veciñanza e que agrupa a máis de 10.500 autoridades locais comprometidas voluntariamente cos obxectivos enerxéticos e climáticos da Unión Europea.

O Rosal foi seleccionado para formar parte do “Mapa de iniciativas da EU CoM” co obxectivo de exemplificar como a través do liderado municipal, dun forte apoio técnico a través da Oficina de Transformación Comunitaria (OTC) e do compromiso activo da veciñanza, pode marcarse a diferenza na transición enerxética local. Esta é a base que fixo xurdir a Comunidade Enerxética Rural O Rosal Enerxía e coa “que grazas ao seu esforzo, o municipio está pasando de ser un consumidor tradicional de enerxía de orixe fósil a converterse nun produtor proactivo de recursos enerxéticos renovables”, sinalou a alcaldesa Ánxela Fernández Callís.

A rexedora mantivo este mércores un encontro coa directiva do Rosal Enerxía para analizar o momento no que se atopa a comunidade e definir os tempos dos vindeiros pasos a seguir tras que completara todos os trámites administrativos necesarios para a súa constitución como asociación e o seu recoñecemento oficial. O proxecto entra agora nunha nova fase para achegar a iniciativa á veciñanza e traballar na subvención necesaria para continuar desenvolvendo a comunidade enerxética.

“Pasamos dunha idea a contar cunha comunidade enerxética viva, un proceso complexo no que levamos moito tempo traballando e que agora nos permite mirar cara á seguinte fase con pasos firmes e cunha folla de ruta clara”, como destacou a alcaldesa.

EU4Rural como motor de cambio

Na web de EU CoM destácase que o proxecto EC4RURAL foi o “motor” para o desenvolvemento técnico e social” da Comunidade Enerxética Rural do Rosal a través do equipo da Universidade de Vigo que proporcionou ao Concello a experiencia para navegar polo complexo marco legal e técnico das comunidades enerxéticas.

EC4RURAL ofreceu un asesoramento integral ofrecendo programas de formación, elaboración de estudos de viabilidade para as instalacións fotovoltaicas e un diálogo directo con entidades rexionais e europeas.

O apoio do proxecto foi clave para superar os obstáculo iniciais de non contar con financiamento LEADER-FEADER, permitindo ao Concello do Rosal aproveitar redes de expertos e o liderado local para fortalecer a súa base social. “En última instancia, EC4RURAL converteu a visión do municipio en realidade, sustentada nun marco técnico, económico e legal sólido”, indican desde o Pacto de Alcaldes da UE.

Sobre o proxecto EC4RURAL

A idea que move o traballo do proxecto EC4RURAL é alterar o paradigma das relacións locais potenciando as comunidades enerxéticas nos municipios rurais de toda Europa. A pesar da abundancia de recursos, as zonas rurais enfróntanse a importantes retos como o descenso da poboación, o acceso limitado aos servizos básicos e a redución das oportunidades de emprego. Estas dificultades tradúcense a miúdo na pobreza enerxética debido ás desorbitadas tarifas enerxéticas. EC4RURAL promove a mellora das relacións entre as autoridades rexionais e locais, e os Grupos de Acción Local para contribuír á Transición cara unha Enerxía Limpa (TEL) en Europa e garantir a inclusión de todas as partes interesadas. O EC4RURAL anima a cidadanía e aos actores locais a participar ou beneficiarse dos beneficios das Comunidades Enerxéticas Rurais (CER), empregando a produción de enerxías renovables e a venda de excedentes enerxéticos.

A Universidade de Vigo lidera un consorcio multidisciplinar integrado por outras nove entidades de España, Bélxica e Estonia. En España participan a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), a cooperativa Sapiens Enerxía, Unión Espazocoop de Cooperativas Galegas e a Fundación Juana de Vega. Con sede en Bélxica, atópase a Asociación Europea Leader para o Desenvolvemento Rural (ELARD) e por parte de Estonia están a Universidade de Tartu, a Asociación de Cidades e Municipios de Estonia, a Axencia Rexional de Enerxía de Tartu e a Unión Estonia Leader (ELU).

Comparte este artigo