A parroquia festexará do 18 ao 20 de setembro as festas na honra da Virxe do Carme e da Virxe dos Remedios e homenaxeará a Jesús Piñeiro Sanmartín, Suso, que era parte da Comisión e un veciño moi apreciado
San Xulián prepárase para vivir unha das fins de semana máis especiais do seu calendario. Do venres 18 ao domingo 20 de setembro, a parroquia celebrará as súas festas na honra da Virxe do Carme e da Virxe dos Remedios, cunha
programación para todos os públicos que este ano estará marcada por unha lembranza especialmente emotiva: a homenaxe a Jesús Piñeiro Sanmartín, Suso “O Roquiño”, membro da Comisión de Festas recentemente falecido.
A programación foi presentada onte no campo da festa polos membros da Comisión de Festas de San Xulián e pola concelleira de Festas, Marián Sanmartín, que puxeron en valor o traballo realizado para manter viva unha celebración profundamente vencellada á parroquia e á súa veciñanza.
Tres días de música e festa para todas as idades
A programación arrancará o venres 18 ás 22.00 horas coa Festa da Xuventude, que contará coas sesións de DJ Sü, DJ Carlos Trini e DJ Aitor Alfonsín.
O sábado 19, festividade dedicada á Virxe do Carme, comezará ás 13.00 horas cunha sesión vermú con pulpeiro. A partir das 15.00 horas, a Charanga OT percorrerá a parroquia e, ás 17.00 horas, chegará a Festa dos Rapaces, con inchables, pintacaras e xincanas de balde.
Ás 20.00 horas terá lugar a misa solemne na honra da Virxe do Carme, seguida da procesión e do concerto da banda de gaitas Airiños de San Xulián. A xornada rematará coa gran verbena a partir das 22.00 horas, amenizada polo grupo La Mecánica, coa citada homenaxe a Suso e a actuación de Gin Toni’s durante o cambio de formación.
A Virxe dos Remedios protagonizará a xornada do domingo
O domingo 20 será a quenda da Virxe dos Remedios. Ás 12.00 horas celebrarase a misa solemne e a posterior procesión, seguida dunha sesión vermú con pulpeiro a cargo da Banda de Música de Marín.
Pola tarde, a partir das 15.00 horas, haberá pasarrúas coa Charanga Noroeste e, ás 17.00 horas, unha nova gran festa infantil con inchables, pintacaras e xincanas de balde.
A última gran verbena das festas comezará ás 21.00 horas coa orquestra La Ocaband. Ás 23.00 horas terá lugar unha gran tirada de fogos de lucería e, á 01.00 horas, porase o punto final a tres intensas xornadas de celebración.
O recinto contará ademais cunha gran carpa cuberta, así como con servizo de bar a cargo da Comisión de Festas e food trucks.
Desde o Concello quérese recoñecer o traballo da Comisión e de todas as persoas, establecementos e entidades que colaboran para facer posible un ano máis estas festas, contribuíndo a manter vivas as celebracións e tradicións das parroquias de Marín.

