A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello da Guarda presentou hoxe a súa nova Axenda Outono/Inverno 2026, unha programación que busca ofrecer alternativas de lecer, formación e participación para diferentes idades e intereses.
En outubro arranca a programación de TARDEO, uns obradoiros que se organizan en colaboración coas asociacións da Guarda. Incluídos neste programa poderemos gozar durante os meses de outubro e novembro das actividades:
- Billar a tres bandas ou de carambola (3 de outubro, Recreo Artístico Guardés)
- Customiza os teus sneakers (10 de outubro, Asociación Érguete Baixo Miño)
- Porcelana fría (17 de outubro, Asociación Transmiño)
- Maquillaxe (23 de outubro, Dansá)
- Flores con lazos de cores (7 de novembro, Asociación Virxe da Guía)
A axenda inclúe tamén os OBRADOIROS de scrapbooking, o 24 de outubro de 10:00 a 13:00 horas, e elaboración de velas, o 28 de novembro no mesmo horario.
Para a INFANCIA están previstas dúas propostas: o Campamento Concilia Nadal e un Obradoiro de Teatro, que terá lugar todos os martes durante o curso escolar, de 16:00 a 17:30 horas, con inscrición aberta durante o mes de outubro.
No apartado XUVENTUDE A MÁIS, destinado á mocidade de 16 a 35 anos, ofreceranse obradoiros de adestramento canino, DJ e edición de vídeo e fotografía, cunha duración de 20 horas cada un.
Finalmente, a área de MOCIDADE incorpora a Rede Xove, un grupo de participación xuvenil vinculado ao IES A Sangriña, e o obradoiro de cómic “A violencia do cotián”, que incluirá unha exposición dos traballos realizados.
A apertura de inscricións e máis información das actividades irase avisando a través da web e redes do Concello. Ademais, proximamente haberá dispoñibles axendas físicas na OMIX da Guarda para ter a man todas as datas das próximas actividades.

