A patinaxe artística vístese de gala en Ponteareas para celebrar o primeiro “Trofeo Vila do Corpus”

Redacción

A competición, organizada polo club CPA Luar, celebrarase integramente este sábado, 19 de setembro, dende as 9:00 horas. No Pavillón Álvaro Pino

O evento contará coa participación de destacados clubs do panorama autonómico, a exhibición do Grupo Show Nacional e un gran sorteo final.

O Concello de Ponteareas acolleu hoxe a presentación do “I Trofeo Vila do Corpus” de patinaxe artística, un evento que converterá a vila  no referente do patinaxe sobre rodas. A histórica cita deportiva desenvolverase integramente mañá sábado, 19 de setembro, a partir das 9:00 horas no Pavillón Álvaro Pino.

O evento, organizado polo Club Patinaxe Artística Luar (CPA Luar) coa colaboración do concello de Ponteareas, reunirá a máis de 100 grandes promesas e figuras consagradas de recoñecidas entidades autonómicas, como o propio club anfitrión CPA Luar, a Asociación Deportiva Sobre Rodas (AD Sobre Rodas), o CPA Royal, o CPA Covelo, o CPA Salvaterra, o Patinaxe Fervello, o CPA Blossom e o CPA Coruxo.

O concelleiro de Deportes, Nico Rodríguez, fixo fincapé no gran nivel técnico que se poderá ver sobre a pista e animou a toda a veciñanza a achegarse ao pavillón, subliñando que “é un luxo contar con clubs de tanto prestixio e gozar como broche de ouro da exhibición especial do Grupo Show Nacional do CPA Luar”. Dende o Concello seguiremos apoiando estas iniciativas que dinamizan a nosa axenda e motivan aos máis novos”, engadiu Nico.

Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou o orgullo que supón para o municipio acoller un evento desta envergadura, sinalando que esta primeira edición do Trofeo Vila do Corpus “non só reflicte o excelente momento que vive o noso deporte base, senón que consolida a Ponteareas como un referente de acollida para grandes citas autonómicas, demostrando que somos unha vila activa, saudable e comprometida cos valores do esforzo e a convivencia deportiva”.

Broche de ouro
Ademais da emocionante fase de competición, o trofeo contará cun peche espectacular grazas á exhibición especial do Grupo Show Nacional do CPA Luar, que amosará na pista as coreografías de alto nivel coas que representan a Galicia en citas nacionais. Como atractivo engadido para o público asistente, a organización levará a cabo un gran sorteo cun premio de 500 euros.

Dende a organización convídase a toda a veciñanza de Ponteareas e aos afeccionados ao deporte a achegarse ao pavillón para apoiar o talento dos novos deportistas e gozar dun espectáculo único sobre rodas.

Comparte este artigo