A creación dunha AECT, actividades para persoas maiores, culturais e deportivas, e obras no Teatro Municipal e no edificio da antiga alfándega de Valença forman parte do proxecto
Contar con personalidade xurídica propia é unha das aspiracións da Eurocidade Tui-Valença que agarda materializar dentro do proxecto UNICIDADE 2030. O obxectivo é crear unha AECT que permita seguir avanzando na cooperación que dende hai unha década formalizaron a través da Eurocidade e figura na Axenda Estratéxica Conxunta.
Estes son parte dos obxectivos nos que os dous municipios traballarán ao abeiro do proxecto UNICIDADE 2030 que suporá un investimento de 695.356,94€ financiados ao 75% por fondos do Interreg VI A España – Portugal (POCTEP) 2021-2027 e cun período de execución até o 31 de decembro de 2028. Así se deu a coñecer este mediodía na presentación que tivo lugar no edificio da antiga alfándega de Valença. O acto coincide coa celebración do Día Europeo da Cooperación Interreg, e desenvolveuse nun lugar emblemático das relacións entre España e Portugal.
Coma novidade con respecto ao primeiro proxecto UNICIDADE esta vez incorpórase a realización de actividades de estimulación física, sensorial e cognitiva que teñen coma obxectivo o fomento da autonomía das persoas maiores e a creación dun Consello Intermunicipal de Persoas Maiores da Eurocidade. Continuarán a desenvolverse as actividades de índole cultural e deportiva que conxuntamente viñan promovendo os dous municipios con 8 accións culturais e 16 eventos deportivos. Agora porase tamén o foco no turismo cun microdestino turístico entre Tui e Valença para contribuír ao desenvolvemento dun modelo de turismo transfronteirizo identificando e promocionando os principais recursos da Eurocidade, así coma a preservación do patrimonio natural, patrimonial e cultural. Para iso contémplase a elaboración dun inventario dixital dos recursos e a súa publicación, así como a elaboración de material turístico promocional, e asistencia a feiras especializadas como a BTL, INTUR ou Turexpogalicia.
Recóllense amais actuacións concretas en infraestruturas coma a reforma do Teatro Municipal de Tui para o uso compartido e para converterse na sede da Orquestra Sinfónica da Eurocidade que se creará ao abeiro deste proxecto. Tamén se actuará no edificio da antiga Alfándega de Valença chamado a converterse nun lugar de información, acollemento, encontro e representación da cooperación transfronteiriza, cun espazo de memoria e interpretación, servizos aos peregrinos, …tendo en conta a súa estratéxica situación.
Así o deron a coñecer os mandatarios de Tui e Valença na súa intervención este mediodía, unhas actuacións nas que afondaron os técnicos responsables do proxecto en cada municipio.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o rigor do trabalo realizado e coma a Eurocidade Tui-Valença foi a primeira en contar cunha Estratexia e cun Plan de Mobilidade. Explicou o rexedor tudense que “este Unicidade 2030 é a segunda edición dun primeiro Unicidade, que está destinado fundamentalmente a financiar proxectos vinculados á cultura, ao turismo, ao deporte, e este ano tamén tratamos un área que é realmente importante e cada vez o está sendo máis pola propia dinámica da evolución social que é dedicar recursos a programas de maiores”.
Pola súa banda o presidente da Cámara de Valença, José Manuel Carpinteira, afirmou que a Eurocidade do Tui-Valença é “unha das máis xenuínas materializacións do proxecto europeo a escala local.
O acto de presentación da Unicidade 2030 contou coa presenza de concelleiros e concelleira de Tui, veradores de Valença, así coma do subdelegado do goberno en Pontevedra, da directora da AECT Galicia Norte de Portugal, e representantes da AECT Río Miño, entre outras autoridades das dúas beiras do Miño.

