O Goberno municipal demandou melloras no novo proxecto da concesión previsto pola Xunta para garantir conexións útiles cos hospitais, Vigo ou o campus universitarios e adaptar percorridos, frecuencias e horarios á realidade do municipio
Máis de dúas horas de autobús para chegar ao hospital, o núcleo máis poboado do municipio fóra de varias das principais rutas ou horarios que non encaixan co inicio e o remate das clases universitarias. Son algunhas das deficiencias que o Goberno municipal do Rosal detectou tras realizar unha revisión exhaustiva do novo Proxecto de Explotación do transporte público autonómico da concesión XG859 da Xunta de Galicia, actualmente sometido a información pública e que abrangue o leste das comarcas do Baixo Miño e Vigo e os municipios da Guarda, Mos, O Porriño, O Rosal, Tomiño e Tui.
O Concello vén de presentar once consideracións e alegacións co obxectivo de que o futuro servizo responda ás necesidades reais de mobilidade da veciñanza rosaleira. “Levamos anos trasladando as mesmas necesidades e esta nova concesión ten que ser unha oportunidade para contar cun transporte público realmente útil. Non abonda con que exista unha liña sobre o papel: ten que pasar por onde vive a xente, ter horarios que respondan á súa vida diaria e permitir chegar ao destino nun tempo razoable”, sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Un dos aspectos que máis preocupa ao Concello é a conexión coa área sanitaria de referencia. As tres liñas que conectan O Rosal co Hospital Álvaro Cunqueiro e o Hospital Meixoeiro non só deixan fóra o núcleo do Calvario, o máis poboado e cun co maior crecemento poboacional do municipio, senón que tardan nalgún caso ata 2 horas e 15 minutos en chegar ao pasar primeiro pola Estación Intermodal de Vigo.
As alegacións municipais poñen tamén o foco na conexión diaria con Vigo e a comarca. O Goberno municipal advirte de que a liña 3, que funcionaría como unha das liñas regulares, tampouco pasa polo núcleo do Rosal e a 4, unha liña semidirecta que si atravesa o centro, deixa importantes franxas sen servizo, limitando a mobilidade a diario e deixando sen cobertura as fins de semana. Tamén se solicitan cambios na liña que conecta O Rosal co campus universitario de Vigo, xa que conta cuns horarios que non se adaptan aos horarios académicos para que a conexión resulte realmente funcional, así como reforzar as conexións venres tarde dende Vigo e domingo a última hora dende A Guarda para o alumnado rosaleiro que estuda en Vigo e Santiago.
Outra das prioridades das alegacións é mellorar a mobilidade interna e a conexión coa Guarda. A liña circular do Rosal e coa Guarda, na que se reportaron tamén erros de deseño, só contempla servizo de luns a venres pola mañá, polo que o Concello solicita incorporar frecuencias pola tarde e durante a fin de semana, especialmente os sábados pola mañá, cando existe unha maior actividade comercial e social.
Por outra banda, as necesidades da rapazada constitúen outro dos bloques fundamentais das alegacións. Máis dun cento de mozos e mozas do Rosal estudan actualmente no IES A Sangriña da Guarda, polo que o Goberno municipal considera imprescindible dimensionar adecuadamente as conexións, incorporar ás Eiras nas rutas e adaptar os horarios ao do centro educativo. Ademais, o Concello reclama corrixir unha ausencia na liña 13 pola costa do Rosal, incorporando a parada de San Xián ademais da xa prevista en San Xián (Portecelo).
Como explica a rexedora, “o transporte público é tamén igualdade de oportunidades. Condiciona que unha persoa poida estudar, acudir a unha consulta médica, traballar, facer unha xestión ou participar da vida social sen depender necesariamente dun vehículo privado. O Rosal medrou moito nos últimos anos e o transporte ten que evolucionar ao mesmo ritmo que o fan a poboación e as súas necesidades”.
As once alegacións presentadas recollen demandas que o Goberno municipal xa trasladara á Xunta en procesos anteriores, tanto nas alegacións ao proxecto de explotación de 2019 como na proposta municipal de mellora da mobilidade e do transporte público autonómico remitida en outubro de 2025.
Fernández Callís insiste en que o obxectivo municipal é aproveitar a configuración da nova concesión para conseguir “un transporte público eficaz, vertebrador e pensado desde a realidade do territorio. Fixemos un traballo intenso de revisión porque queremos que as necesidades do Rosal estean sobre a mesa e sexan incorporadas ao proxecto definitivo. A nosa veciñanza precisa e merece un servizo que lle permita moverse con autonomía e en condicións dignas”.

