Baiona prepárase para celebrar este venres 25 de setembro (festivo local) e o sábado 26 a tradicional romaría de Santo Cosme e Santo Damián. Coñecida popularmente pola Festa do mel e as noces contará como vén sendo habitual con postos de venda dedicados a produtos característicos do outono e do campo como o mel, as castañas e as noces, os tradicionais postos de venda de velas para ofrecer aos devanditos santos, que estarán situados na Praza de Santa Liberata.
Ademais, a romaría contará con oficios tradicionais como a cestería e os “zoqueiros”, e cunha ampla gama de produtos derivados do mel e de cosmética natural. Tampouco faltarán os postos de rosquillas, pan, churros, polbo e churrasco. Pola súa banda, na rúa Marqués de Quintanar, situaranse un significativo número de postos de venda de artesanía, antigüidades, bixutería, libros, coiro e manualidades e para amenizar a romaría contarase tamén con pasacalles e actuacións de música tradicional.
O venres 25 de setembro (festivo local) na igrexa parroquial haberá misas ás 18:00h. e as 20:00h.
O sábado 26 de setembro, terá lugar a tradicional procesión en honra dos santos que será ás 11 horas e que percorrerá as principais rúas da vila e posteriormente, ás 12 horas celebrarase a Misa Solemne na Igrexa Parroquial Santa María de Baiona. Este día tan especial para os baioneses haberá moita música tradicional polo reciento onde se celebra a romaría.
O mel e as noces serán os alimentos protagonistas, pero non serán os únicos manxares presentes en Baiona. Queixos, chourizos… Todo debe estar ben preparado para despedir o verán como se merece. Esta romaría adoita atraer a un gran número de asistentes que se achegan ata Baiona para pechar o verán. Para os fieis, o horario de misa na capela de Santa Liberata celebrarase ás 8 e ás 9 horas, mentres que a misa na igrexa parroquial será ás 10, 12 (solemne), 18 e 20 horas.

