- O xurado, reunido este martes, estivo composto por Inmaculada Otero, Nuria Vil e Xosé – Henrique Costas
- O poeta faise cun premio de 2.500 euros e a publicación do poemario por parte da editorial Xerais
Jacobo Paz Limia gaña o XXIX Premio Johan Carballeira de Poesía do Concello de Bueu co poemario “Mariscadoras”. O xurado reuniuse este martes á tardiña e estivo composto pola crítica literaria e escritora Inmaculada Otero, a poeta e performer interdisciplinar Nuria Vil, e o catedrático en filoloxía galega e investigador Xosé – Henrique Costas. O autor faise cun galardón de 2.500 euros e o poemario será publicado por parte da editorial Xerais tal e como consta nas bases e como vén sendo dende hai anos, sumándose a unha gran nómina de autorías que contan con este prestixioso galardón.
Da lectura cincuenta e tres traballos presentados, o xurado salientou a alta calidade das obras presentadas, o que fixo moi difícil a escolla da obra premiada.
En canto á proposta de Paz Limia, na acta saliéntase que “presenta unha temática social baseada no traballo do mar, e consiste nunha mostra da épica do mar dende unha voz feminina por idade e pola forza das imaxes”. Ademais, “dende a máscara do EU poético reivindícase a dignidade do traballo das mulleres fronte á súa opacidade”.
Este galardón súmase ao da categoría de xornalismo que se anunciou hai un par de semanas e cuxo gañador foi o xornalista Manuel Vilas López cunha reportaxe titulada “Nin pirómano nin inocente: o eucalipto arde ben nun rural abandonado”, publicada no xornal Galicia Press.
O Concello organizará nunha data aínda por decidir un acto público de entrega dos premios ao que asistirán as persoas gañadoras.
Biografia de Jacobo Paz Limia
Jacobo Paz Limia (A Coruña, 1979) foi gañador do XIV Premio de Poesía Manuel López Ardeiro coa obra Kensington e conta con máis de vinte anos de experiencia como guionista audiovisual, e de feito actualmente traballa no concurso da TVG Atrápame se podes, que foi galardoado co Premio Iris 2024 da Academia de Televisión ao Mellor Programa Autonómico. Foi creador e guionista da serie Saudade de ti, e ten participado noutras ficcións como Pratos combinados ou As leis de Celavella. Experto en Cine e Teatro pola Universidade da Coruña, completou a súa escritora teatral con Manuel Lourenzo e ten obras deste xénero como Elevador, Teatro infantil ou Dependencias. Como autor de literatura infantil destaca polos libroxogos Lobishome e Maruxaina, e polos álbums ilustrados A meiga chuchona, O tesouro das estrelas, Augas de ouro e O gatipedro.
Historia do premio
Os premios, tanto na categoría de xornalismo como na de poesía, naceron coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira, quen tamén fora alcalde de Bueu ata o seu asasinato a mans dos franquistas.
Este certame, que xa conta con moita historia a nivel galego, ten galardoado na categoría de xornalismo a persoas como Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias, Arturo Sánchez Cidrás, Antón Lopo, María Obelleiro, Montse Dopico, Nieves Neira, Antía Yáñez, Lois Pérez, entre outr@s; e na categoría de poesía, a poetas tan recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Emma Pedreira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Pura Tejelo, María Reimóndez, Daniel Asorey, Marcos Abalde, Arancha Nogueira…

