Mofa e Befa levan ao escenario do Rosal o humor máis irreverente de Castelao

Redacción

Producións Teatrais Excéntricas chegan este domingo 27 (20 h)  ao auditorio municipal con ‘Os dous de sempre’, dirixida por Quico Cadaval

Dous amigos inseparables e absolutamente opostos, un soñador e outro conformista, saltan das viñetas de Castelao ao escenario para demostrar que o seu humor segue máis vivo que nunca. O auditorio municipal do Rosal acolle este domingo 27 de setembro ás 20.00 horas Os Dous de Sempre, unha proposta de Producións Teatrais Excéntricas na que Mofa e Befa se mergulla no particular universo cómico do autor rianxeiro.

Baixo a dirección de Quico Cadaval, dramaturxia de Carme Varela e cun elenco formado por Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Josito Porto, o espectáculo leva ás táboas a Pedriño e Rañolas, dous personaxes concibidos por Castelao na súa faceta de humorista gráfico. Contraditorios, extremos e antagónicos, pero amigos por riba de todo, representan dúas maneiras radicalmente diferentes de enfrontarse á vida.

Rañolas é o arriscado soñador, a expresión do idealismo, mentres Pedriño encarna o materialismo e o conformismo. Dúas metades aparentemente incompatibles que avanzan xuntas e que entroncan cunha longa tradición de grandes parellas cómicas e literarias, desde Quixote e Sancho Panza ata Jacques o Fatalista e o seu patrón ou Don Celidonio e o Doutor Alveiros.

“É un luxo poder contar no Rosal cunha compañía e cun elenco de referencia do teatro galego e facelo, ademais, cun espectáculo que nos permite reencontrarnos con Castelao desde o humor, desde a retranca e desde unha mirada profundamente humana”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. “Queremos seguir achegando ao noso auditorio propostas de calidade que nos fagan gozar, pero tamén pensar, descubrir e mirar a nosa cultura desde perspectivas diferentes”, engade.

Comparte este artigo