A proposta desenvolverase de outubro de 2026 a maio de 2027, con clases dunha hora e grupos organizados por cursos e nivel
A Concellería de Educación do Concello de Mos volverá ofrecer durante o curso 2026/2027 a actividade extraescolar de inglés dirixida ao alumnado de Educación Primaria dos centros públicos do municipio.
A actividade será impartida por AVANZA Servicios Escolares, S.L. nos centros educativos de Atín, Petelos, Martínez Alonso, Pena de Francia e Valverde Maio, con sesións dunha hora de duración. O alumnado distribuirase nos diferentes grupos segundo o curso e tendo en conta tamén a proba de avaliación que se realizará ao comezo das clases, polo que a composición dos grupos poderá axustarse ao nivel de cada participante.
As clases desenvolveranse nos seguintes horarios:
* CEIP Atín: luns, de 16:30 a 17:30 horas para 1º, 2º, 3º e 4º de Primaria e de 17:30 a 18:30 horas para 5º e 6º.
* CEIP Petelos: martes, de 16:00 a 17:00 horas para 1º e 2º e 3º e 4º, e de 17:00 a 18:00 horas para 5º e 6º.
* CEIP Martínez Alonso: mércores, de 16:00 a 17:00 horas para 1º e 2º; e de 17:00 a 18:00 horas para 3º, 4º, 5º e 6º.
* CEIP Pena de Francia: xoves, de 16:00 a 17:00 horas para 1º, 2º, 3º e 4º de Primaria e de 17:00 a 18:00 horas para 5º e 6º.
* CEIP Valverde Maio: mércores, de 16:00 a 17:00 horas para 1º e 2º e de 17:00 a 18:00 horas para 3º, 4º, 5º e 6º.
Os grupos procurarán ser reducidos en función do número de inscritos por curso e as clases serán impartidas por profesorado bilingüe con experiencia.
O prezo da actividade é de 5 euros ao mes por participante. O material didáctico necesario, como libros ou cadernos, será solicitado ao alumnado ao comezo das clases. Os recibos aboaranse mediante domiciliación bancaria entre os días 1 e 5 de cada mes.
A actividade comezará o 5 de outubro de 2026 e prolongarase ata maio de 2027, ambos os meses incluídos. O prazo de inscrición remata o 30 de setembro.
A inscrición realízase a través da plataforma de AVANZA.
Para realizar a matrícula, as familias que xa dispoñan dunha conta deberán iniciar sesión co seu correo electrónico e contrasinal. No caso das novas inscricións, deberán crear unha conta, completar os datos solicitados e, unha vez dentro da plataforma, crear o usuario correspondente ao alumnado e formalizar a matrícula na actividade.
Para consultas ou aclaracións relacionadas coa actividade e coa plataforma de inscrición, as familias poden contactar coa coordinadora de AVANZA no teléfono 685 312 982. Para as titorías co profesorado tamén se habilitou este número, indicando sempre o nome do alumno ou alumna, o centro educativo e a persoa docente.

