O concello de Caldas de Reis xestiona a adquisición dun camión eléctrico para reforzar e mellorar a recollida de residuos

Redacción

O vehículo súmase ao remolque de recollida selectiva no rural, que xa leva operativo varios días e pasa de xeito periódico por todas as parroquias

O alcalde, Jacobo Pérez, incide na importancia de facer uso destes servizos, para garantir un maior respecto pola contorna e para facilitar que se siga baixando o recibo do lixo, que en Caldas xa é dos máis baixos da contorna

O Concello de Caldas de Reis realizou as xestións pertinentes para incrementar e renovar o seu parque de maquinaria, coa adquisición dun camión lixeiro, 100% eléctrico, con caixa recolectora de residuos e caixa de aluminio, para reforzar a recollida de restos. O contrato, adxudicado a Baygar Sociedade Limitada, conta cun orzamento que ascende a 110.000 euros, IVE engadido, e finánciase a través de Fondos Feder, correspondentes á convocatoria 2021-2027. Esta xestión realizouse a través da Concellería de Medio Ambiente, dirixida polo socialista Juan Carlos Ortigueira. Está previsto que a Administración local dispoña deste vehículo nas vindeiras semanas. “É un camión que conta con mellor equipamento e a tecnoloxía máis avanzada, o que redundará nun servizo máis efectivo e cun menor impacto ambiental”, explica o alcalde, Jacobo Pérez. O camión lixeiro conta con caixa recolectora de residuos e caixa de aluminio, ademais de brazo con gancho abatible. A maiores, inclúe un sistema para elevar os contedores para garantir que o vaciado se leve a cabo sen que se produza compactación dos restos. “Ata o de agora o Concello non contaba cun vehículo destas características. A mellora da eficiencia dos traballos vaise incrementar de xeito notable”, garantiu Jacobo Pérez. O camión lixeiro está adaptado de xeito específico para poder efectuar as tarefas para as que se destina.
Ademais, ao ser eléctrico garante un menor impacto ambiental.

Recollida selectiva

Por outra banda, o Concello de Caldas de Reis xa ten en funcionamento o novo remolque de recollida selectiva polo rural. Este dispositivo visita de xeito periódico todas as parroquias para facilitar unha retirada axeitada de pequenos electrodomésticos, aerosois, aceites de cociña en envases pechados, e elementos de telefonía ou pequena informática, así como lámpadas e fluorescentes. Jacobo Pérez incide na importancia de facer uso destas ferramentas porque “é algo que redunda de xeito positivo non só no medio ambiente, senón tamén no recibo do lixo, xa que unha separación axeitada reduce os custes”.


Precisamente, tal e como lembra Pérez Gulín, Caldas de Reis conta cun dos recibos máis baixos da contorna.
A maiores, o Concello conta cun servizo a demanda de recollida de voluminosos. Trátase dunha prestación que facilita aos particulares a posibilidade de desprenderse de restos que, polas súas características e o seu tamaño, non deben depositarse nos contedores. Mediante o uso deste sistema garántese un tratamento axeitado, o que tamén potencia o respecto e o coidado polo medio ambiente. Os restos que se recollen son electrodomésticos de diferentes tipos, así como mobles de gran tamaño, portas, colchóns, somieres ou marcos. Os veciños e veciñas interesadas en dispoñer deste servizo poden solicitalo chamando ao 647574316.

Ademais de todo isto, desde a Concellería de Medio Ambiente tamén se continúan tramitando peticións para a entrega de composteiros individuais, para a elaboración de compost a través do tratamento de residuos naturais. Estas unidades están dispoñibles para persoas que habiten en vivendas illadas e conten cunha parcela ou horta cun mínimo de 25 metros cadrados de extensión. As peticións poden realizarse de maneira on line, a través do código QR que figura nos cartaces informativos distribuídos polo municipio, e que tamén se atopa no perfil oficial de Facebook do Concello de Caldas de Reis. Pódese chamar, a maiores, ao 986540002.

Comparte este artigo