Un BNG decisivo en Madrid fará realidade a recuperación do acceso público á illa de Toralla

Redacción

Comprométese a seguir exercendo presión nas Cortes para que se cumpra coa lei e coa promesa de permitir a libre circulación de persoas no dominio público marítimo-terrestre

Roberto Pascual: “Temos que poñer fin aos privilexios duns poucos, empezando por este símbolo da especulación que leva dende os anos 60 privatizado en Vigo”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) demandará en Madrid que se axilice a recuperación do acceso público á illa de Toralla en Vigo. A fronte nacionalista comprométese a seguir exercendo presión nas Cortes para que se cumpra coa lei e coa promesa de permitir a libre circulación de persoas.

Así o anunciou este domingo o candidato do BNG ao Congreso, Roberto Pascual, durante unha vista á illa privatizada xunto con representantes da candidatura e institucionais da cidade. Destacou neste sentido as iniciativas nacionalistas parar forzar ao Goberno español, durante a última lexislatura, a iniciar o proxecto para a recuperación do acceso público nas zonas de servidume de protección, de tránsito e nas de acceso ao mar.

Pascual chamou a “poñer fin aos privilexios duns poucos”, cualificando a privatización da illa nos anos 60 como “símbolo da especulación”. Pediu para iso un BNG “con aínda máis forza” a partir das Eleccións Xerais do 29N. “Imos facer que se cumpran cos prazos para que Toralla sexa dunha vez por todas de toda a veciñanza de Vigo”, defendeu.

Dende o Bloque sinalaron que a barreira e a vixilancia que impiden hoxe en día o acceso é contraria a Lei de Costas, que estabelece que as zonas de dominio público marítimo-terrestre teñen que ser accesíbeis para o tránsito público. “Non hai xustificación para manter este couto privado para uns poucos VIP”, afirmou.

O candidato nacionalista destacou o valor do voto ao BNG para contar cunha “Axenda Vigo” nas Cortes, que defenda os intereses das viguesas e vigueses ante os continuos incumprimentos por parte das forzas políticas estatais. A ese respecto salientou que, na última lexislatura, máis dun 60% das preguntas no Congreso sobre a cidade foron formulados polo único deputado do Bloque.

“Por iso precisamos contar con aínda máis forza en Madrid a partir do 29N”, concluíu Pascual, comprometéndose a transformar ese apoio nas urnas en maior peso para avanzar nas reivindicacións históricas e cuestións estratéxicas para Vigo.

Comparte este artigo