Nidia Arévalo visita as obras de mellora da seguridade viaria nos camiños de San Cosme e da Quinta

Redacción

O Concello de Mos destina 300.000 euros á actuación, financiada con fondos da Deputación de Pontevedra a través do Plan +Provincia e con fondos propios

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitou hoxe as obras de mellora da seguridade viaria que se están a executar nos camiños de San Cosme e da Quinta, na parroquia de Cela. A actuación conta cun investimento de 300.000 euros, dos que 240.000 euros son achegados pola Deputación de Pontevedra a través do Plan +Provincia, mentres que o resto é financiado con fondos propios municipais.

Os traballos, adxudicados á empresa Covsa, teñen un prazo de execución de dous meses e abranguen o tramo do Camiño de San Cosme comprendido entre Cela e o cruce co Camiño de Pardellas, á entrada do Colexio O Castro Internacional.

Durante a visita, Nidia Arévalo, que estivo acompañada polos concelleiros Camilo Grandal e Evaristo Ucha, así como por técnicos municipais e responsables da obra, comprobou o avance dunha actuación que permitirá renovar o pavimento, mellorar a drenaxe e reforzar a sinalización e as medidas de seguridade ao longo do vial.

O proxecto tamén permitirá renovar o alumeado público do tramo, aproveitando as obras para completar actuacións pendentes nos servizos municipais. Neste sentido, aproveitouse a intervención para conectar á rede de saneamento catro acometidas que estaban aínda pendentes de conexión.

Un dos puntos nos que se concentrará a intervención é o tramo de curva situado nas proximidades do colexio, onde a escasa visibilidade e as características do trazado dificultan o cruzamento de vehículos. Nesa zona ampliarase a calzada e instalaranse dous reductores de velocidade, ademais dun pavimento diferenciado para advertir aos condutores da necesidade de circular a velocidade reducida.

A actuación tamén contempla  a adecuación dos límites de velocidade ás características de cada tramo, así como traballos de limpeza das marxes e renovación de elementos deteriorados.

Segundo a previsión do Concello, o vial poderá volver abrir ao tráfico o día 9. A alcaldesa destacou durante a visita a importancia de actuar sobre este vial, especialmente nos puntos nos que as condicións actuais dificultan a circulación e o cruzamento de vehículos, e sinalou que a actuación permitirá mellorar as condicións de seguridade para os usuarios da vía e para o entorno do centro educativo.

Comparte este artigo