O BNG demanda “menos fotos e máis apoio real” de Xunta e Concello para blindar o futuro de Conxemar en Vigo

Redacción

Esixe compromisos concretos para avanzar na prometida ampliación do Ifevi e unha maior achega económica dos Gobernos galego e municipal para o maior evento da cidade

Xabier P. Igrexas: “De nada serve que Rueda e Caballero compitan o día da inauguración por quen se saca máis fotos se iso non se traduce nun apoio decidido por Conxemar”

A deputada e voceira de Mar, Rosana Pérez, urxe medidas para apoiar ao sector diante do difícil contexto marcado pola suba dos insumos, do combustíbel e da inflación

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) demanda da Xunta de Galiza e do Concello de Vigo un “apoio real” para blindar o futuro da feira Conxemar en Vigo. A fronte nacionalista esixe compromisos concretos para avanzar na prometida ampliación do Ifevi e unha maior achega económica de ambos gobernos para o maior evento anual que se celebra na cidade.

Así o reclamaron durante a visita realizada este xoves á feira —na que estiveron presentes o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, as deputadas e o deputado no Parlamento galego Rosana Pérez, Carmela González e Óscar Insua, e o concelleiro Filipe Abalde — poñendo en valor o impacto de Conxemar que pecha esta 27ª edición con resultados récord, con 836 expositores de 47 países e cun retorno económico cifrado en 250 millóns de euros.

Igrexas trasladou a aposta do BNG por garantir “por moitos anos máis” a continuidade de Conxemar en Vigo como “evento estratéxico e emblema dun sector produtivo chave para a cidade e para o país como o complexo mar-industria”. Unha continuidade que, defendeu, deben asegurar con compromisos concretos as administracións.

“De nada serve ver o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, competiren o día da inauguración por quen se saca máis fotos se logo iso non se traduce nun apoio decidido por Conxemar”, afeou o portavoz municipal do BNG, lembrando a falla de avances para facer efectivos os compromisos adquiridos coa organización en anteriores edicións.

Avanzar na ampliación do Ifevi

Entre eles, destacou a necesidade de avanzar na execución do proxecto de ampliación do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) para permitir que a feira continúe a medrar. Igrexas sinalou que a falla de espazo, tal e como advirten dende Conxemar, está a provocar que a economía da cidade e súa área perdan arredor de 20 millóns de euros anuais de retorno.

“Non hai explicación para que nun proxecto no que aparentemente hai consenso continúe sen facerse realidade”, cuestionou o portavoz nacionalista, quen asegurou que estarán “moi vixiantes” para asegurar que as palabras do presidente galego sobre a ampliación se traduzan en partidas orzamentarias nas contas da Xunta para o vindeiro ano 2027.

Para o Bloque tamén é “imprescindíbel” que ambas administracións realicen un maior apoio económico á altura da importancia desta feira. Afearon a ese respecto que o Goberno galego non destine nin un só euro para subvencionar este evento. E criticaron tamén a achega “irrisoria” de 80.000 euros por parte do Concello de Vigo, anunciando que van reclamar que se duplique a partida nas emendas aos orzamentos municipais de 2027.

Apoio ao sector

De por parte, a deputada e voceira de Mar do BNG no Parlamento galego, Rosana Pérez, puxo o foco na necesidade dun maior apoio ao sector por parte de todas as administracións no actual contexto xeopolítico, marcado pola suba dos insumos, do combustíbel e dunha inflación disparada.

“As empresas transformadoras, comercializadoras e os propios produtores precisan de medidas urxentes do Goberno español e da Unión Europea, e tamén da propia Xunta de Galiza, para axudar neste difícil momento a unha actividade económica fundamental para noso país”, demandou Pérez.

A deputada nacionalista denunciou a “hiperregulación” que padece o sector e chamou a aclarar as normas para que a industria galega poida competir en igualdade de condicións con terceiros países. 

Comparte este artigo