O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, avogou hoxe por incorporar a innovación, a dixitalización e o coñecemento ao sector da lousa para continuar ocupando unha posición de vangarda.
Fernández Vila participou en Ourense na II Xornada técnica Arquitectura, construción e lousa en Valdeorras: un diálogo cara ao futuro de Ourense, onde destacou que a lousa é un material natural, duradeiro, sustentable e plenamente aliñado cos principios da economía circular. Ademais, explicou que a súa versatilidade permítelle integrarse en proxectos arquitectónicos innovadores, en solucións industrializadas e en propostas que combinan funcionalidade, estética e respecto polo territorio.
Finalmente, o director xeral louvou a celebración destas xornadas, nas que tamén participou o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e onde se puideron expoñer visións complementarias sobre o presente e o futuro da lousa.

