O consistorio chegou a un acordo cos propietarios para mercar esta parcela urbana de 1.213 m2 situada na rúa Mariñeiro, xunto á igrexa
“O obxectivo é conservar a vivenda para un uso público e integrar a finca na contorna do Templo Votivo e arco visigótico para de verdade poñelos en valor”, razoa o alcalde, Juan González
O Concello de Nigrán adquirirá un terreo de 1.273 m2 adxacente ao Templo Votivo e arco visigótico de Panxón co obxectivo de humanizar toda esta contorna. Tras meses de negociacións, o consistorio chegou a un acordo cos dous propietarios para mercar por 400.000 € esta finca urbana non edificable situada na rúa Mariñeiro e vinculada a unha vivenda de 77 m2 do ano 1890. Estes cartos xa foron consignados no pleno ordinario do 6 de outubro co voto en contra do PP e a abstención do BNG.
“O obxectivo é conservar a vivenda para un uso público e integrar a finca na contorna do Templo Votivo e arco visigótico para de verdade poñer estas dúas xoias patrimonias en valor”, razoa o alcalde, Juan González, xa que o terreo linda no lateral dereito coa entrada da igrexa (obra relixiosa cumio do arquitecto Antonio Palacios) e na parte posterior coa parcela do arco visigótico (un dous poucos exemplos de arte pre-románico de Galicia, dos séculos VI ou VII e catalogado como BIC), pertencendo as devanditas parcelas colindantes á diócese Tui-Vigo. O Concello agradece a boa disposición dos propietarios, “persoas de Panxón ás que lles enche de orgullo que a súa finca pase a ser de toda a veciñanza e de que sirva para embelecer a zona”.
“A vivenda existente é un exemplo precioso de arquitectura tradicional, cun gran valor cultural e etnográfico para Nigrán, así que o que queremos e rehabilitala e que sexa o lugar onde se ubique definitivamente o recuperado mosaico romano de Panxón, ademais de darlle outros usos, como podería ser oficina de turismo ou museo da pesca, hai que defnilo”, valora o rexedor. No terreo existen tamén varios galpóns de máis recente construción sen licencia que serán derrubados. “Simplemente tirándoos e eliminando o muro perimetral o arco visigótico deixará de estar encaixonado nun escenario lamentable típico do feísmo galego para integrarse nunha zona verde acorde co propio valor destas xoias arquitectónica protexidas”, explica González, quen engade que esta demolición do muro tamén permitirá integrar a parcela no casco histórico de Panxón.
“Levamos anos negociando coa diócese a transformación de toda a contorna e, sen dúbida, esta adquisición vai permitir que desde o Concello avancemos neste sentido porque serán terreos da nosa absoluta competencia. Paralelamente seguiremos falando co bispado para que, no seu ámbito, tamén se actúe, pola nosa banda nos gustaría chegar a un acordo de colaboración”, indica en referencia ao propio peche perimetral metálico das ruinas da igrexa de San Xoan de Panxón nas que se ubica o arco visigótico ou á posibilidade de escavar este terreo e deixar á vista a planta de cruz grega análoga á de Santa Comba de Bande (este proxecto en concreto fora presentado en maio de 2010 ao Bispado por parte do Concello).
“Foi un camiño longo de lentas negociacións pero ao fin chegamos a un acordo que outorgará ao Templo Votivo e ao arco visigótico o tratamento excepcional que merece”, resume.

